Comeza a venda de viaxes do Imserso para a nova tempada con 886.269 prazas
Comeza a venda de viaxes do Imserso para a nova tempada con 886.269 prazas
As primeiras prazas comercialízanse entre o 23 e o 24 de setembro
Os prezos, entre 120 e 330 euros, dependen do destino e da duración
A comercialización das viaxes do Imserso para a tempada 2024-2025 comeza este luns en nove comunidades autónomas, cun total de 886.269 prazas distribuídas en tres lotes.
As primeiras prazas que se poñen á venda, entre o 23 e o 24 de setembro, serán para estancias en Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana, Estremadura, Madrid, Melilla e Murcia. A partir do 25 de setembro, se quedan prazas libres, poderán adquirirse máis.
As viaxes a Asturias, Cataluña, Castela-A Mancha, Ceuta, Galicia, Illas Baleares, Illas Canarias, A Rioxa e País vasco venderanse entre o 25 e 26 de setembro. Neste caso, para mercar a maiores haberá que agardar ata o 27 de setembro.
Prezos e reservas
As prazas estarán distribuídas en 443.887 para o lote 1 (costa peninsular); 230.039 para o lote 2 (costa insular) e un total de 212.343 para o lote 3 (Escapadas e Turismo Europeo).
Os prezos dependerán do destino e da duración, cunha pinza de entre os 120 e os 330 euros. Para reservar será necesario aboar unha cantidade fixa que non superará o 20 % do importe total.
Este pago deberá completarse 45 días antes do inicio da viaxe ou no momento da reserva se a viaxe comeza en outubro ou novembro e faise con menos de 45 días de antelación.
As reservas poderán facerse a través de axencias de viaxes acreditadas, coa presentación única do DNI ou na web oficial (www.turismosocial.com), onde será necesario achegar tamén a clave de acreditación remitida polo Imserso ao beneficiario.
Un 5 % máis de hoteis
A cifra total de hoteis que participan no programa é un 5 % superior ao concurso anterior, pero poderán ser máis porque aínda non se pechou de xeito definitivo a contratación.
"É un traballo que se desenvolve en paralelo á publicación dos circuítos e nos próximos días estará terminado", explica a marca de Ávoris Corporación Empresarial que xestiona o programa.