Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Escola Oficial de Idiomas de Lugo celebra o Ano da Serpe de Madeira

A Escola Oficial de Idiomas de Lugo celebra o Ano da Serpe de Madeira

O departamento de chinés celebra o aninovo con diversas actividades

O obradoiro de nós vermellos da prosperidade foi impartido por unha lectora de chinés
Félix Aragunde 30/01/2025 20:33 Última actualización 30/01/2025 20:51

Coincidindo coa lúa nova equidistante entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera, acaba de comezar o 4723, denominado na China como o Ano da Serpe de Madeira.

Co gallo desta festa de aninovo, o departamento de chinés da Escola Oficial de Idiomas de Lugo organizou un obradoiro, impartido por unha lectora, en que os asistentes aprenderon a elaborar os tradicionais nós vermellos da boa sorte.

Yin Xingyuan, auxiliar de conversa do departamento de chinés da EOI de Lugo: "A cor vermella simboliza a boa sorte na China. Usámola moito, por exemplo na roupa ou nos sobres".

Tatiana Koshcheeva, alumna da EOI de Lugo: "Así tamén coñecemos a cultura chinesa, da que non sabemos nada".

Pero este taller de nós chineses só é a primeira das actividades programadas para celebrar o aninovo. O mesmo departamento prevé repartir marcapáxinas cos signos zodiacais propios do xigante asiático, ademais dun obradoiro de cociña en liña.

Fernando Vázquez, director da EOI de Lugo: "Adoita ter moita aceptación entre o alumnado. É unha actividade que está aberta a toda a comunidade escolar, e se quedan prazas tamén a outras persoas que estean interesadas".

Alma López, profesora de chinés da EOI de Lugo: "O que si, teñen que escribir un correo electrónico ao departamento, a eoi.lugo.chines@edu.xunta.gal, preferentemente antes do 5 de febreiro, dous días antes, para enviarlles a lista de ingredientes".

Con máis de 900 millóns de falantes nativos, o mandarín é o idioma máis falado no mundo como primeira lingua.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade