Comeza o Atlántica, un festival que levará 90 funcións de narración oral por Galicia e Portugal
Comeza o Atlántica, un festival que levará 90 funcións de narración oral por Galicia e Portugal
Celebrarase por 30 concellos e contará cun total de 45 artistas de Portugal, Galicia, Salamanca e mesmo do Xapón
Un mar de contos esténdese estes días por trinta concellos galegos e polo norte de Portugal. Comezou o Atlántica, o Festival Internacional de Narración Oral. Esta mañá en Santiago Paula Carballeira deu unha das máis de 90 funcións que conforman o cartel.
Non todo o mundo sabe que as bruxas son intelixentes, as curuxas astutas e os sapos valentes. Por iso o público chegaba puntual, algo nervioso, impaciente e acaparando enerxías. Dispostos a descubrir que dá máis medo no mundo.
'Contos de sapos, bruxas e curuxas' é un dos espectáculos para público familiar que esta narradora presenta no Festival Atlántica, cunha programación que aposta pola narración oral como disciplina artística.
Nesta edición o festival segue medrando e convértese nunha proposta transfronteiriza que chegará ao Xurés e a un total de trinta concellos entre Galicia e Portugal.
Ata o 7 de xullo, 45 artistas de Portugal, Salamanca, do Xapón ou narradores galegos, que son auténticos mestres do oficio de contar e cantar historias para facernos viaxar por un mar Atlántico, onde a palabra e a imaxinación son motor.