Constituído o Consello de Seguridade Industrial para mellorar prevención e reducir riscos
Constituído o Consello de Seguridade Industrial para mellorar prevención e reducir riscos
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou o papel do novo órgano para facilitar a actividade empresarial e potenciar a seguridade industrial
Permitirá colaborar coas empresas e os traballadores na detección de posibles incidencias que poidan supoñer algún risco e fortalecer a seguridade industrial en Galicia
O novo Consello de Seguridade Industrial quedou constituído esta mañá co obxectivo de funcionar como canle de comunicación entre as entidades públicas e privadas e articular medidas para a prevención e a mellora de riscos nas instalacións industriais.
Ademais, analizará posibles melloras dos contratos de aseguramento nas industrias, entre outras cuestións.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou o papel do novo órgano como un foro para facilitar a actividade empresarial e potenciar a seguridade industrial, segundo informou a Xunta nunha nota de prensa.
Durante o acto de constitución, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, explicou que se trata de ter "unha maior interlocución coas empresas, os colexios e coas asociacións para coñecer as problemáticas actuais e ser prácticos nas solucións”.
Tamén abordará problemas de interpretación, como a recente normativa sobre os ascensores, ou aplicacións das directrices europeas, co obxectivo de "facilitar as cousas á industria", dixo a conselleira.
A creación deste Consello enmárcase nun programa extraordinario de medidas para este ano en seguridade industrial que reforza as actuacións anuais do plan de inspección común.
O plan extraordinario permitirá colaborar coas empresas e os traballadores na detección de posibles incidencias que poidan supoñer algún risco e fortalecer a seguridade industrial en Galicia para "resolver problemas e resolvelos no menor tempo posible dentro dos prazos que nos ofrece a lexislación", segundo a conselleira.
Por iso, considera que o novo órgano será unha ferramenta máis para avanzar na solvencia, atracción e competitividade de Galicia a través da súa industria.
A seguridade industrial comprende aquelas actividades de prevención e limitación de riscos, ou protección contra accidentes e sinistros que poden producir danos e perdas ás persoas, os bens ou o medio ambiente, derivados da actividade industrial ou do uso de produtos industriais.