Publicador de contidos
Publicador de contidos

Santiago amplía o servizo de taxis con 29 novas licenzas

Santiago amplía o servizo de taxis con 29 novas licenzas

A Xunta dá o visto e prace á proposta do Concello, que se mostra satisfeito

Compostela pasará de ter 144 a ter 173

G24.gal 14/01/2025 17:58

 A Xunta trasladou este martes ao Concello de Santiago o informe favorable para ampliar ata 173 as licenzas de taxi no municipio, como solicitara Raxoi, o que supoñería ampliar en 29 as 144 licenzas actuais.

Segundo explicou o Goberno galego nunha nota de prensa, 15 das novas incorporacións corresponden a licenzas para aqueles taxis que están adaptados a persoas con mobilidade reducida, que se sumarán ás 10 licenzas actuais. Así mesmo, Raxoi terá un prazo de dous meses para fixar o calendario para outorgar as novas prazas de taxi, que poderían ser concedidas todas elas de forma simultánea.

O informe recolle que se considera "suficientemente acreditado" un aumento da demanda que estaría vinculado, "entre outros motivos", a un incremento de residentes, de turistas, de peregrinos, así como da mobilidade cara a e desde Compostela en transporte público, ademais dos desprazamentos a municipios limítrofes.

O concelleiro de Mobilidade do Concello de Santiago, Xan Duro, aproveitou para lembrar que "esta foi a primeira solicitude, avalada por un informe rigoroso, de incremento de licenzas desde 1998, a pesar de ter menos taxis operativos que hai dez anos para atender unha poboación e unha presión turística moito maior".

Con todo, o Goberno local mostrouse "satisfeito" coa noticia e sinalou que o Concello traballará agora para que estas licenzas sexan "canto antes" unha realidade, xa que é unha "demanda clara" dos veciños de Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade