Aumentan as queixas dos usuarios de taxi na estación do tren de Santiago
Aumentan as queixas dos usuarios de taxi na estación do tren de Santiago
Á escaseza de taxis súmase o cambio de parada, á chuvia e sen cubrir
O cambio da parada dos taxis é provisional, polas obras da intermodal
Chega o tren da Coruña e na parada hai catro taxis para os primeiros catro viaxeiros. O quinto, a facer cola. Os que saben do problema apuran o paso. Despois de 28 minutos de viaxe, canto toca esperar?
"Media hora", confirma unha usuaria.
Media hora á media mañá, cando vén só un tren, porque en hora punta, a espera pode pasar da hora e media.
"De toda a miña experiencia vindo a traballar a Galicia e a Santiago, a estación é o punto onde se pode poñer complicado coller un taxi. Chove, hai que esperar a que cheguen e acábanse deseguido", explica un cliente habitual.
A chuvia é outra molestia engadida, máis recente. Á escaseza de taxis súmase o cambio de localización da parada polas obras da intermodal ao pé das escaleiras de pedra, sen apenas sitio para se cubrir, polo que a pequenos problemas, grandes solucións. Cada cliente conta a súa experiencia.
"Eu normalmente collo o bus porque polos taxis teño que esperar moitísimo pero a última vez que quixen coller un taxi, tiven que marchar a andar porque non chegaba a tempo".
"A última vez tivemos que compartir porque non había taxis suficientes e empezamos a berrar para onde ía cada un, e hoxe creo que vai pasar o mesmo".
"Veño de Vigo, íamos coller un taxi pero hai moitísima xente e leva tempo sen vir un taxi, asi que marchamos a andar".
Tampoco funciona a reserva por teléfono nin pola aplicación, segundo comentan os máis experimentados.
"Cunhas aplicacións de reserva, con tempo, para poder coller o taxi cando baixas, porque ás veces vas con présa".
"Eu nin o intento porque nunca me collen o teléfono".
A falta de taxis en Santiago é un conflito enraizado, que vén de lonxe. De feito, os profesionais non queren facer declaracións, molestos por estar no ollo do furacán.