Ternera Gallega estrea sede aspirando "a liderar a produción de carne de calidade en España"
Ternera Gallega estrea sede aspirando "a liderar a produción de carne de calidade en España"
A carne de vacún con indicación xeográfica protexida de Galicia representa o 58 % da carne con selo de calidade que se comercializa en España
O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boi de Galicia inaugurou este xoves en Santiago a súa nova sede, que acollerá as oficinas e salas para accións formativas e de promoción do sector de vacún de carne. Nese acto, o presidente do Consello Regulador Jesús González explicou que os retos son mellorar a competencia e a sostibilidade das explotacións.
A carne de vacún con Indicación Xeográfica Protexida de Galicia representa o 58 % da carne con selo de calidade que se comercializa en España. Ternera Gallega ten máis de 8.200 granxas inscritas que producen cada ano 23.000 toneladas de carne que se venden en 1.700 establecementos de toda España, cun volume de negocio de 164 millóns de euros.
"Galicia reúne as condicións para liderar a produción de carne de calidade en España. Ten o clima axeitado, recursos forraxeiros, gandeiros ben formados, un produto de calidade e un mercado que nos valora", apuntou Jesús González, que destacou entre os retos a falta de remuda xeracional nas granxas e a soberanía alimentaria.
Na inauguración, o presidente da Xunta Alfonso Rueda comprometeu o apoio do Goberno galego a un sector estratéxico para a economía galega, que, ademais, lembra, dinamiza o rural, axuda a fixar poboación e previr incendios. Rueda agradeceu o labor dos gandeiros e consellos reguladores para situar a Galicia como un referente na produción de carne de excelencia.