Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza o debate sobre o regreso da disciplina fiscal na UE

Comeza o debate sobre o regreso da disciplina fiscal na UE

Alemaña oponse á primeira proposta da Comisión

España considera "moi boa noticia" ter un primeiro texto sobre o que traballa

Antón Montero 28/04/2023 19:06 Última actualización 28/04/2023 19:16

Arrinca a que promete ser a negociación máis complicada dos vindeiros meses na Unión Europea. Tras 3 anos coas regras fiscais suspendidas, primeiro pola pandemia e despois pola guerra, en 2024 volve a disciplina ás contas nacionais.

O debate comezou este venres en Estocolmo, coa primeira proposta da Comisión sobre a mesa e co consenso aínda moi lonxe. "É un bo comezo que todos estean un pouco infelices", dicía a ministra sueca, "é unha boa base para negociar".

Bruxelas quere que os países con exceso de déficit non poidan gastar máis do que medre a súa economía e que se comprometan a reducir ese desequilibrio nun 0,5 % anual.

A Alemaña parécelle pouco e pide o dobre. E están tamén desconformes coas sendas diferenciadas por países que ofrece a Comisión. O seu ministro lanzou a primeira ameaza de veto.

"Xa temos unhas regras fiscais e se non hai outras novas, seguiremos aplicando as vellas", dixo Christian Lindner.

España está no lado oposto: Economía cre que a proposta de Bruxelas recolle moitas das suxestións que presentou xunto aos Países Baixos.

A vicepresidenta Nadia Calviño admite que "se trata de temas complexos, dun expediente difícil. Hai posicións diferentes arredor da mesa, pero creo que é positivo que xa teñamos un proxecto lexislativo, unha base para empezar a traballar".

España confía en que haxa acordo antes de que remate a súa presidencia rotatoria da Unión, durante o segundo semestre.

E espera tamén acadar ese 3 % de déficit en 2024, un ano antes do previsto, grazas a datos de crecemento como o coñecido este venres, un 0,5 % no primeiro trimestre, unha cifra, admitía o comisario de Economía da Unión, mellor da esperada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade