Comezan chegar a Londres líderes mundiais para asistir aos funerais por Isabel II
Comezan chegar a Londres líderes mundiais para asistir aos funerais por Isabel II
Continúan as ringleiras para acceder á capela ardente en Westminster
Carlos III e o príncipe de Gales saúdan as persoas que agardan na cola durante horas
Continúa o desfile de miles e miles de persoas pola capela ardente da raíña Isabel IIl. Nin a noite, nin o frío, nin o tempo de espera, que chegou a superar as 24 horas, desanimou a cidadanía que quere despedirse da monarca.
En varias ocasións as autoridades británicas impediron que máis xente se sumase ás ringleiras para evitar aglomeracións.
Lorna conta que levan dez horas agardando pero que o ambiente foi moi bo e Wendy admite que pasou moito frío pero que van moi abrigadas.
Outra muller explica que se sentía obrigada a estar aquí porque a raíña serviu fielmente durante 70 anos e facer cola 14 horas non é moito.
Unhas 400.000 persoas terán pasado por Westminster desde o mércores, cando se abriu a capela ardente, ata o luns, día en que terá lugar o funeral. O desfile reúne caras anónimas e outras máis coñecidas, coma a do futbolista David Beckham, que botou 12 hora na cola.
Detención na capela ardente
Tamén houbo momentos tensos. As forzas de seguridade arrestaron un individuo que saltou o perímetro de seguridade e intentou achegarse ao cadaleito.
Sucedeu unhas horas despois de que o rei Carlos III e os seus irmáns realizaran a chamada vixilia dos príncipes ao redor dos restos mortais de Isabel II. Esta tarde foron os netos e netas, incluído o novo príncipe de Gales, os que velaron os restos da monarca.
Funeral de Estado
Mentres, continúan os preparativos para o funeral de Estado. Os ensaios realízanse de noite. A policía está montando a operación de seguridade máis grande da historia de Gran Bretaña, xa que á cerimonia acudirán numerosos xefes e ex-xefes de Estado, incluídos os reis de España e os reis eméritos.
Felipe e Letizia desprazaranse o domingo a Londres pero este sábado xa comezaron a chegar as delegacións dalgúns países. Tamén os emperadores do Xapón, que tradicionalmente non acoden a ningún funeral, viaxan xa cara ao Reino Unido.