Romanos e castrexos toman as rúas de Lugo no Arde Lucus
Romanos e castrexos toman as rúas de Lugo no Arde Lucus
Máis de 300 actos programados durante catro dias nesta Festa de Interese Turístico Internacional
Os romanos xa tomaron Lugo. Os lexionarios lograron atravesar o Miño e vencer a resistencia dos galaicos. Como xa imaxinan, falamos do Arde Lucus. A recreación da loita entre castrexos e romanos marcou o inicio das festas deste ano que se prolongarán ata a noite do domingo, con máis de 300 actos programados.
Toda unha cidade implicada na recreación histórica da súa fundación. Así o contan os participantes: "O bonito non é a festa en si, nin a recreación moi exacta que se fai dende as asociacións, senón a participación de toda a cidade. Aquí, ademais dos grupos históricos, ves os veciños caracterizados". "O Arde Lucus é loucura, é obsesión. Todos os anos nos esforzamos por mellorar". "Esforzámonos por ter novidades ano tras ano". "A festa chegou a onde está gracias a esa involucración e a facer as cousas ben"
Moito traballo das asociacións e, efectivamente, implicación da veciñanza. Estes días en Lugo pódese ir traballar caracterizado. "A verdade é que nos gusta, porque é a nosa festa", di a empregada dunha óptica vestida de romana.
Despois de máis de 20 anos de celebración, o Arde Lucus non só e un escaparate publicitario da cidade a nivel nacional e internacional, senón tamén un importante pulo económico. "Eu son de México e xa nos falaran desta festa". "Somos de Bilbao. Xa coñecemos o Arde Lucus e quixemos volver porque nos gusta moito", din uns turistas.
Preocupa, pero pouco, a previsión do tempo. Fresco e algo de chuvia. "Estamos acostumados á auga e temos paraugas", aseguran os máis optimistas
Dende o ano pasado é Festa de Interese Turístico Internacional.