Publicador de contidos
Publicador de contidos

Monseñor Francisco José Prieto, novo arcebispo de Santiago

Monseñor Francisco José Prieto, novo arcebispo de Santiago

O ata o de agora bispo auxiliar de Santiago substitúe a Julián Barrio, no cargo dende 1996

Tomará posesión o vindeiro 3 de xuño nun acto de consagración na catedral compostelá

Monseñor Julián Barrio co seu sucesor na comparecencia deste sábado
G24.gal 01/04/2023 11:39 Última actualización 01/04/2023 21:03

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio Barrio, anunciou este sábado que deixa o cargo tras 27 anos, tras facerse oficial o nomeamento do ata o de agora bispo auxiliar da diocese compostelá, Francisco José Prieto Fernández.

"Durante todo este tempo sentinme coma na casa; acollido, comprendido, apoiado, axudado, nos días fáciles, que foron a maioría, e tamén nos difíciles, que non faltaron", sinalou Barrio nunha declaración na sede do arcebispado, onde estivo acompañado polo seu sucesor.

Barrio tomara posesión do cargo o 25 de febreiro de 1996, tras ser nomeado polo papa Xoán Paulo II un mes antes. Con anterioridade desempeñaba tamén o posto de bispo auxiliar de Santiago, cargo no que foi consagrado en febreiro de 1993.

Ese ano xubilar eclesiástico serviu tamén como lanzamento da marca Xacobeo ligada ás peregrinacións á capital galega, impulsada polo entón conselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.

Desde entón, Xacobeo e ano xubilar foron da man nunha campaña turística e comercial, que ata o momento tivo a súa culminación relixiosa no ano xacobeo 2010, coa visita do papa Bieito XVI.

A pandemia e outras vicisitudes internas impediron, con todo, que o papa Francisco acudise a Santiago de Compostela no dobre ano xacobeo recentemente finalizado, 2021-2022. Neste último, 400.000 persoas recibiron a compostela, unha cifra histórica.

Durante a súa etapa produciuse tamén unha nova que deu a volta ao mundo, o roubo de Códice Calixtino. No ano 2011, un exempregado da catedral roubou o manuscrito do século XII. As forzas de seguridade tardaron un ano en recuperalo.

Arcebispo saínte

Julián Barrio naceu en Manganeses de la Polvorosa (Zamora) en agosto de 1946, polo que o próximo verán cumprirá 77 anos. Aos 75 anos os bispos deben deixar o cargo, aínda que é decisión do Papa cando se efectúa a substitución.

Forma parte da comisión permanente da Conferencia Episcopal desde marzo de 2020. Segundo a páxina da Conferencia Episcopal, cursou os estudos de Humanidades e de Filosofía no Seminario Diocesano de Astorga.

É licenciado en Teoloxía pola Universidade Pontificia de Salamanca (1971), doutor en Historia da Igrexa pola Universidade Pontificia Gregoriana de Roma (1976) e licenciado en Filosofía e Letras, sección de Xeografía e Historia, pola Universidade de Oviedo (1979).

Entre outras distincións, recibiu a Medalla de Ouro da Cidade de Santiago e posúe o título de fillo adoptivo desta cidade. Ademais, tamén é cabaleiro da Orde do Santo Sepulcro de Xerusalén e membro da Confraternidade de Nosa Señora dá Conceição.

O novo arcebispo

Francisco José Prieto Fernández (Ourense, 1968) chegou á capital galega como bispo auxiliar hai xusto dous anos, tamén en ano xubilar. O novo arcebispo tomará posesión o próximo 3 de xuño nun acto de consagración na catedral.

En homenaxe á súa orixe, a comparecencia deste sábado celebrouse nunha sala do arcebispado baixo un retrato do cardeal Quiroga Palacios, último arcebispo de Santiago desa provincia.

Cursou estudos eclesiásticos no Instituto Teolóxico “Divino Mestre” de Ourense, centro afiliado á Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca (1986-1992) e foi ordenado sacerdote en 1993.

É licenciado en Teoloxía Patrística da Universidade Gregoriana de Roma (1992-1994) e doutor en Teoloxía Bíblica pola Facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca (2008). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade