Os fondos europeos, máis preto de chegar a Stellantis
Os fondos europeos, máis preto de chegar a Stellantis
"Ímonos coa idea de que o Ministerio vai facer o posible para solucionar os problemas, pero os problemas están aí", asegura Feijóo despois da reunión con Maroto
Ence e Alcoa volven ser as cuestións que centran os contactos entre a Xunta e o Ministerio de Industria
"O futuro da planta depende da vontade de Alcoa de buscar solucións", di Reyes Maroto
"É moi importante que o proxecto de Stellantis teña cabida no PERTE (Proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica) da automoción", asegurou a Ministra de Industria, Reyes Maroto, logo de reunirse co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, en Madrid.
Esas palabras achegaban a posibilidade da chegada de fondos europeos ao sector da automoción galego, encabezado pola factoría viguesa. "Imos coa esperanza de que Stellantis entre nese PERTE. Confirmáronnos tamén que vai haber un PERTE para o naval, é unha boa noticia para Galicia", concluía Feijóo ao termo do encontro, que volveu centrarse nos principais problemas da industria galega.
"A ministra xa os coñece. A industria hiperelectrointensiva, con Alcoa á cabeza, segue sendo principal problema industrial, xunto con Ence", aseguraba o presidente da Xunta.
No caso da factoría da Mariña, Reyes Maroto insiste na responsabilidade da empresa. "O futuro da planta depende da vontade de Alcoa de buscar solucións", afirmou, ao tempo que aseguraba que teñen pouca confianza na multinacional do aluminio.
Núñez Feijóo a este respecto asegura que efectivamente a empresa é unha parte do problema, "pero tamén hai un problema co prezo da enerxía, e hai que falar das dúas cousas".
Respecto ao futuro de Ence, a ministra comprometeuse a estudar as propostas, que para a Xunta pasan pola adscrición dos terreos de Lourizán ao Porto de Marín. "Se o Goberno o autoriza, solucionamos o problema forestal galego", dixo Feijóo.
Canto ao turismo, o presidente da Xunta reclamou máis apoio orzamentario para o Xacobeo, como proxecto de Estado. "Trasladeille á ministra que nos presupostos hai cero euros para o Xacobeo 2022", asegurou o presidente da Xunta.
Reyes Maroto asegura que o seu ministerio está moi comprometido co proxecto do Ano Santo, ao que vai destinar 121 millóns de euros.
Minuto a minuto
Comeza a comparecencia
"Comezamos falando das oportunidades", di Núñez Feijóo.
"Imos coa esperanza de que Stellantis entre no PERTE da automoción", di o presidente da Xunta.
"Os problemas a ministra xa os coñece", asegura Feijóo. "A industria hiperelectrointensiva, con Alcoa á cabeza, segue sendo principal problema industrial, xunto con Ence".
"Deixeille o dossier co caso de Ferrol. É a cidade con máis paro de Galicia, e precisa dun plan".
"Imos ver se as oportunidades dos fondos europeos poden paliar a crítica situación da industria galega", afirma Núñez Feijóo, quen asegura que se é preciso intervir a factoría de Alcoa antes da súa venda a Xunta vaino apoiar.
"Voume cunha liña de contacto aberta, e espero que nos próximos meses haxa boas noticias".
"Están empezando a chegar os recursos ás comunidades. E a boa noticia é que hai proxectos", di Reyes Maroto.
"É moi importante que o proxecto de Stellantis teña cabida no PERTE da automoción", asegura a ministra de Industria.
No caso de Alcoa, a ministra di que levan tempo tomando medidas, incluso coercitivas. "O futuro da planta depende da vontade de Alcoa de buscar solucións", di Reyes Maroto.
"Este Ministerio vai seguir traballando da man da Xunta, para solucionar todos os problemas que temos. Estamos traballando para xerar novas oportunidades, nunha terra de oportunidades como é Galicia", afirma a ministra.
"Perdemos a confianza en Alcoa", di Maroto. "A empresa estivo sempre no negativo, non en buscar solucións".
"Polo que respecta a este Ministerio, fomos moi sensibles coa realidade galega e o seu turismo".
"A eólica mariña é unha fonte de enerxía que se está consolidando no mundo, e temos que facela compatible coa pesca", asegura Núñez Feijóo.
Sobre as disputas no Partido Popular de Madrid, Feijóo di que "o problema de tensión en España, é o da tensión eléctrica".
"Ímonos coa idea de que o Ministerio de Industria vai facer o posible para solucionar os problemas, pero os problemas están aí", asegura Núñez Feijóo. "No caso de Alcoa, hai un problema coa empresa, pero tamén co prezo da enerxía, e hai que falar das dúas cousas".
"Hoxe temos unha solución para Ence. Se o Goberno autoriza a súa inclusión nos terreos do porto de Marín, solucionamos o problema forestal galego", asegura Feijóo.
"Se no meu Goberno houbese unha parte que se reúne nas fins de semanas para que o presidente obteña malos resultados electorais, preocuparíame moito. E se ademais quen o fai é a vicepresidenta dá a sensación de que as eleccións están próximas", di Núñez Feijóo.
Finaliza a comparecencia