Competencia abrirá expediente a tres navieiras das Cíes por pactar as súas tarifas
Competencia abrirá expediente a tres navieiras das Cíes por pactar as súas tarifas
Serán sancionadas por unha infracción que se considera moi grave
A Comisión Galega da Competencia instou a súa Subdirección de Investigación a que inicie un expediente sancionador contra as navieiras Illa de Ons, As Rías Galegas e Mar de Ons pola fixación das súas tarifas, ao "acordaren" prezos.
Competencia aprecia "incumprimento" destas tres navieiras, dedicadas ao transporte de viaxeiros ás Illas Cíes, no que se refire ao "compromiso individual de cada empresa de revisar as súas actuais tarifas tras unha análise dos seus custos, expectativas e política comercial independente".
Tal como explica o organismo, estas compañías tiñan a obriga de cumprir ata seis compromisos. Con todo, ningunha das tres cumpriu o segundo, relativo á fixación de prezos.
"O compromiso tiña por finalidade poñer fin a esas prácticas de prezos consensuados polas empresas, que elimina a competencia entre os operadores.
Para iso era necesario que cada unha das empresas desenvolvese unha política de fixación dos seus prezos autónoma e independente", subliña o documento de Competencia.
Con todo, a xuízo do organismo, as navieiras Illa de Ons, As Rías Galegas e Mar de Ons levaron a cabo esta infracción "moi grave", polo que agora iniciará un expediente sancionador.