Competencia multa a Booking con 413 millóns de euros por abuso da súa posición de poder
Competencia multa a Booking con 413 millóns de euros por abuso da súa posición de poder
A CNMC entende que Booking restrinxe a competencia doutras plataformas hoteleiras
Booking penaliza os hoteis que ofertan os seus cuartos por debaixo do prezo fixado na plataforma
A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia impúxolle a Booking a multa máis alta da súa historia: 413 millóns de euros.
Acusa a plataforma de dous abusos: o control dos prezos, impedindo incluso que os propios hoteis oferten prazas máis baratas das que teñen na aplicación e tamén restrinxe a competencia doutras plataformas.
A cota de mercado de Booking en España está entre un 70 e un 90 % da xestión de reservas hoteleiras. Nesta posición de dominio, o sector ve que nos últimos anos se deu unha situación de abuso para controlar que as reservas se fagan sempre desde dentro da plataforma e poder así manexar os prezos.
"Desde hai uns anos Booking rebaixa o prezo que ti lle pos aos teus cuartos na propia plataforma. Iso ao final o que fai é rebaixar o prezo porque te obriga a ter o mesmo prezo na túa venda directa e na túa web que teñen eles. Se eles baixan, ao final o cliente non reserva directamente no hotel, reserva en Booking", relata Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.
O outro abuso que ve a Comisión para impoñer esta multa é que restrinxe a compentencia doutras plataformas, porque asocia o número de reservas na súa web ao posicionamento na lista de resultados co que moitos hoteleiros apostan única ou principalmente por posicionarse aí.
"Os hoteis que teñen un posicionamento que conseguen en Booking están moi ben pero pagan unhas comisións moi elevadas. Ao pagar estas comisións, soben os prezos para rendibilizalo. Iso implica que non se unen e traballan con outras plataformas. Están dependentes das decisións de Booking", describe Marián Ruiz, avogada especializada en Dereito das Novas Tecnoloxías.
"Nós non estamos en contra de Booking. Booking é necesario, é unha plataforma máis pero o que ten é que haber un equilibrio. Non podemos tensar a corda e temos que convivir. Ao final, Booking é unha plataforma, pero as camas témolas nós. Booking sen as camas tampouco sería nada", insiste Alfonso Martínez
Booking anunciou que recorrerá esta sanción ante a Audiencia Nacional, 206 millóns de euros por cada un dos dous abusos considerados. Valora que este tema debe enmarcarse na Lei de Mercados Dixitais da Unión Europea e non buscar solucións país por país.