Maduro chama "terroristas" aos españois detidos polo suposto plan contra o seu Goberno
Maduro chama "terroristas" aos españois detidos polo suposto plan contra o seu Goberno
Segundo o Goberno venezolano, nos seus teléfonos acharon conversas sobre como mercar explosivos
Exteriores reclama a Venezuela "información verificada" sobre os dous españois detidos
A Misión da ONU para Venezuela afirma que o Goberno ten un plan para "esmagar" a oposición
O presidente de Venezuela Nicolás Maduro sinalou como "terroristas" os dous españois detidos, a quen vincula co Centro Nacional de Intelixencia (CNI) de España, pola súa presunta relación cunha operación desestabilizadora contra o seu Goberno.
No seu programa semanal Con Maduro +, transmitido pola canle estatal VTV, o xefe de Estado dixo que os dous cidadáns do país europeo son "axentes encubertos" do CNI e desestimou as declaracións dos pais dos españois sobre que estes se atopaban en Venezuela como turistas tras visitaren Colombia.
Maduro dixo de ambos os españois: "Foron capturados e están convictos, confesos e con plena proba das accións que traían para dentro de Venezuela para asasinar xente, colocar bombas, etcétera".
"Agora resulta que eran uns bos raparigos, turistas, que estaban a pasear e que foron capturados", dixo Maduro, quen manifestou, sen mostrar probas, que chama moito a atención que o CNI español entre en operacións contra Venezuela.
Pola súa banda, o ministro do Interior venezolano, Diosdado Cabello, dixo que o CNI, a pesar de estar adscrito ao Ministerio de Defensa de España, é un "ente totalmente autónomo" que "realiza operacións no mundo enteiro cumprindo as instrucións que dá a CIA (Axencia Central de Intelixencia dos EUA)".
O Ministerio de Asuntos Exteriores segue reclamando ás autoridades venezolanas información oficial e verificada sobre a detención de dous españois e unha clarificación dos cargos dos que son acusados.
Fontes do departamento que dirixe José Manuel Albares informaron desas reclamacións e aseguraron: "A Embaixada española en Caracas está en contacto coa chancelería venezolana, á que trasladou que exercerá a protección diplomática e consular dos seus nacionais".
Ademais, asegura, manteñen "informadas puntualmente" as familias dos dous detidos.
Os detidos son os bilbaínos Andrés Martínez Adasme e José María Basoa Valdovinos, de 32 e 35 anos, respectivamente, a quen o Goberno de Venezuela atribúe unha presunta implicación nunha suposta operación para levar a cabo actos "terroristas", entre eles asasinar a Nicolás Maduro.
Ambos os dous foron capturados en Puerto Ayacucho, estado Amazonas (sur), en cuxos teléfonos, sempre segundo o Goberno venezolano, as autoridades acharon conversacións onde preguntaron "como fan para comprar explosivos" e para "contactar grupos que quixesen facer algún traballo especial".
O Ministerio de Exteriores xa desmentiu que España estea implicada nunha "operación de desestabilización política" en Venezuela e rexeitou "rotundamente calquera insinuación" respecto diso, tras soster o Goberno venezolano que España "ía fornecer mercenarios" para un suposto operativo dirixido polos Estados Unidos.
Ademais desmentiu que os dous detidos formen parte do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), como sostiña o Goberno venezolano, nin que pertenzan a ningún outro organismo estatal.
Ambos estaban en Venezuela como turistas, segundo as súas familias, que o pasado luns, 9 de setembro, e tras perderlles a pista, denunciaron a súa desaparición en redes sociais e ante a Ertzaintza.
A Policía pescudou que foran arrestados e transmitíullelo aos familiares, aínda que non se indicou o motivo das detencións e a investigación policial pola desaparición segue aberta.
A Misión da ONU para Venezuela afirma que o Goberno ten un plan para "esmagar" a oposición
O Goberno venezolano está a cometer crímen de lesa humanidade de percusión por motivos políticos, dixo este martes a misión creada polo Consello de Dereitos Humanos da ONU para documentar as violacións de dereitos que ocorren no país.
Segundo a misión, presidida pola xurista portuguesa Marta Valinhas, o aparello de goberno céntrase agora en esmagar a totalidade da oposición pacífica a través dunha serie de accións que non son "illadas ou aleatorias, senón parte dun plan continuo e coordinado para silenciar, desanimar e reprimir" a quen pode expresar algún pensamento non acorde coa retórica oficial.