A loita do Compostela non tivo premio (0-1)
A loita do Compostela non tivo premio (0-1)
O Alavés levou a vitoria do Vero Boquete coa lei do mínimo esforzo
Durante moitas fases do partido o equipo santiagués foi superior e mereceu mellor sorte
O Compostela caeu da Copa do Rei coa cabeza moi alta diante de todo un Alavés de Primeira División (0-1). O equipo galego, de 2RFEF, xogou mellor que o seu rival e mereceu mellor sorte diante dun Vero Boquete ateigado e entregado ás súas cores como había tempo que non se vía.
Comezou avisando o Compostela cun remate de cabeza de Hugo Matos que saíu moi preto do pau, unha xogada na que se mancou o bulideiro dianteiro compostelán. Do Alavés houbo moi pouco en ataque en todo o partido. De feito, o gol veu nun remate de Kike Vidal cara a súa portería. Iso e un man a man que perdoou Stoichkov foi a escasa bagaxe do equipo de Primeira División.
O Compostela, sen xerar demasiadas ocasións, tivo o control do coiro durante moitas fases do partido e no segundo tempo atreveuse con achegamentos perigosos. Un lanzamento de Manu Rivas, un bo remate de Landeira e un disparo de Cinta que rexeitou a defensa puideron poñer un empate que, por momentos, mereceu o cadro santiagués.