Concepción Cascajosa, nova presidenta interina de RTVE
Concepción Cascajosa, nova presidenta interina de RTVE
En principio estará no cargo durante seis meses
A conselleira de Radiotelevisión Española a proposta do PSOE Concepción Cascajosa foi designada nova presidenta da Corporación RTVE en substitución de Elena Sánchez.
Cascajosa, actual presidenta do Observatorio de Igualdade de RTVE, foi elixida na reunión que mantivo este mércores o Consello de Administración da radiotelevisión pública.
A elección de Cascajosa saíu adiante cos cinco votos que precisaba para iso e foron necesarias dúas roldas de votacións.
En principio, ocupará o cargo por un período de seis meses.
A presidenta interina ten intención de convocar a próxima semana unha reunión do Consello de Administración de RTVE para abordar os asuntos que estaban na orde do día da reunión desta semana e que finalmente non se trataron debido á situación que desembocou na súa designación.
Entre eses asuntos pendentes está a contratación do comunicador David Broncano, presentador de 'La Resistencia' en Movistar +, para un programa en Televisión Española.
A elección de Cascajosa efectuouse o día despois de que fose cesada a ata o de agora presidenta interina, Elena Sánchez, e tamén o director de Contidos de RTVE, Juan Pablo López, nunha tensa reunión do Consello de Administración.
Cascajosa presentouse ao concurso público para elixir o presidente de RTVE e quedou no posto 86 de entre os candidatos que optaron ao mesmo.
Nada en Barcelona en 1979, Cascajosa é doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Sevilla con Premio Extraordinario.
Tamén profesora de comunicación audiovisual no Departamento de Comunicación da Universidade Carlos III de Madrid e premio de excelencia do Consello Social.
Foi directora do Máster en Guión de Cinema e TV e é vicedecana dos Estudos de Xornalismo e Comunicación Audiovisual e autora ou editora de nove libros e un cento de publicacións académicas.
Tamén colabora en varias revisas e prensa escrita e traballou en organizacións do ámbito audiovisual en actividades docentes.
Na súa intervención considerou unha necesidade urxente a renovación do mandato marco da Corporación, que esta desenvolva estratexias para garantir a súa aplicación práctica mentres siga vixente "desde criterios de transparencia no seu funcionamento interno", e tamén "ter un claro rendemento de contas".