Conclúe sen éxito a primeira votación para elixir o próximo xefe do Estado de Italia
Conclúe sen éxito a primeira votación para elixir o próximo xefe do Estado de Italia
O bloque da dereita reclama o dereito de designar o sucesor
Os votos do partido do exprimeiro ministro Renzi poderían ser cruciais
Cobra forza o paso de Draghi da xefatura do Goberno á do Estado
A primeira votación parlamentaria para elixir o próximo xefe do Estado de Italia, que substitúa a Sergio Mattarella, concluíu sen éxito porque os partidos optaron por votar en branco ante a falta de acordo sobre un candidato.
A sesión concluíu con 672 papeletas en branco nunha votación con 976 electores dos 1.008 con dereito a elixir novo presidente. Mañá volverán intentalo.
Nas últimas horas, cobrou forza a opción de que Mario Draghi pase da xefatura do Goberno á do Estado.
A elección de Draghi, que xa deixou entrever o seu interese pola xefatura do Estado, esixiría a designación doutro político á fronte do Goberno italiano para esgotar a lexislatura que remata en 2023.
Nas tres primeiras votacións cómpre unha maioría de dous terzos para elixir un nome, pero desde a cuarta, o xoves, abondará con maioría absoluta.
Na votación deste luns, os maiores apoios obtívoos o exvicepresidente do Tribunal Constitucional Paolo Maddalena.
O bloque da dereita, que forman Forza Italia e os ultradereitistas Liga e Irmáns de Italia, reclama o dereito a elixir o sucesor por ter maior representación parlamentaria, aínda que precisarán apoio doutros partidos.
O exprimeiro ministro Matteo Renzi e os electores do seu pequeno partido Italia Viva poden ser cruciais para desbloquear a situación.