Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenada a tres anos de cárcere a muller de Burela que tentou matar unha veciña cunha machada

Condenada a tres anos de cárcere a muller de Burela que tentou matar unha veciña cunha machada

A acusada recoñeceu os feitos e cumprirá condena nun centro adecuado á súa "anomalía psíquica"

G24.gal 02/04/2024 15:57

A Audiencia Provincial de Lugo condenou este martes a unha pena de tres anos de cárcere unha veciña de Burela acusada de tentar matar cun machada outra muller na estación de autobuses da localidade en febreiro de 2023.

A Fiscalía solicitaba inicialmente para a procesada unha pena de cinco anos de prisión por un delito de homicidio en grao de tentativa e outro de lesións agravadas con instrumento perigoso, pero tras longas deliberacións, as partes chegaron a un acordo de conformidade para reducir a tres anos o tempo de condena, que será efectiva ao opoñerse o Ministerio Fiscal á suspensión da pena de prisión debido ao "perigo" da autora confesa dos feitos.

A condenada, unha muller de mediana idade afincada no municipio de Burela, que se atopa en prisión provisional comunicada e sen fianza desde o 21 de febreiro de 2023, recoñeceu os feitos ante a xuíza e aceptou a pena, que cumprirá, de acordo ao disposto polo tribunal, nun centro médico "adecuado á súa anomalía psíquica" ou nun "centro penal con módulo de carácter psiquiátrico".

Os feitos xulgados tiveron lugar a tarde do 20 de febreiro de 2023 na estación de autobuses de Burela, momento en que a condenada agardou "acazapada" a vítima nas escaleiras próximas á zona de baños da estación.

"Que che corto a cabeza, voute matar, non vas saír viva de aquí", vociferou entón a procesada á vítima, para acto seguido e "con intención de acabar coa súa vida", di o escrito de acusación, asestar un golpe coa machada por detrás á muller de forma repentina "á altura do ombreiro esquerdo".

A "anomalía e a alteración psíquica" que presentaba a acusada no momento dos feitos como resultado da "dependencia de opioides" e dun "trastorno psicótico e de personalidade" motivado polo consumo de "múltiples substancias" foi tomada en conta á hora de interesar a modificación da petición de condena.

A acusada, que deberá cumprir tamén unha pena de oito anos de liberdade vixiada coa prohibición de aproximarse á persoa prexudicada a menos de 300 metros e de comunicarse con ela por calquera medio durante o mesmo período de tempo, deberá indemnizar con 1.400 euros á vítima polas lesións e as secuelas causadas, e con 442 euros ao Sergas, pola asistencia facultativa prestada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade