Publicador de contidos
Publicador de contidos

Condenan o Chicle a 14 anos pola violación da súa cuñada

Condenan o Chicle a 14 anos pola violación da súa cuñada

O Tribunal considera probado que en 2005, cando a vítima era menor de idade, a levou a un lugar apartado, e ameazándoa cun coitelo abusou dela

Na sentenza consideran que o relato da muller é verosímil e que "non foi refutado por ningún medio de proba"

G24.gal 19/12/2022 16:19 Última actualización 19/12/2022 20:57

A Audiencia Provincial da Coruña condenou, como autor dun delito de agresión sexual, a catorce anos de cárcere a José Enrique Abuín, alías O Chicle, por violar á súa cuñada en xaneiro de 2005, cando ela tiña 17 anos.

O tribunal tamén lle impuxo a prohibición de comunicarse coa vítima e de achegarse a ela durante 22 anos, así como o pago dunha indemnización de 30.000 euros, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).  

Feitos probados

Os maxistrados consideran probado que o acusado, o 17 de xaneiro de 2005, tras telefonar a primeira hora da mañá en dúas ocasións á vítima para dicirlle que quería devolverlle un diñeiro a seu pai, presentouse diante da súa casa e convenceuna, "aproveitándose da súa relación de parentesco", para que se subise ao seu coche, "aducindo que irían recoller ese diñeiro".  

Tras entrar a menor no vehículo, o acusado, segundo a sentenza, "conduciu a gran velocidade" ata o parque San Mamede, no concello de Lousame, onde se sitúa a capela de San Lourenzo, "nunha contorna forestal". Os xuíces subliñan que ese lugar é "moi pouco frecuentado a esa hora nun día como o dos feitos".  

Unha vez alí, segundo o ditame, despois de intercambiar unhas palabras e facerse co teléfono da súa cuñada e gardalo, o condenado "sacou un coitelo grande e exhibiullo á vítima, á vez que llo pasaba a xeito de advertencia do seu posible uso por preto do corpo".  

Os maxistrados relatan que coa arma branca "sempre na man", díxolle que lle realizase unha felación, ao que a menor se negou. Entón, segundo o relato de feitos probados da sentenza, requiriuna para que se espise, deulle un camisón para que o puxese, colocouse sobre ela no asento de copiloto e, "mantendo o coitelo na man e preto do corpo da menor como ameaza", violouna.  

Despois, díxolle que se relataba a alguén o sucedido, "mataríaa a ela,a súa irmá e a filla da irmá, que tamén era filla del, ademais de matarse el mesmo".  

O tribunal asegura que, como consecuencia destes feitos, a denunciante "padeceu cambios substanciais na súa vida cotiá, con afeccións negativas nas súas relacións sociais, familiares, sexuais e afectivas".

Elementos de proba

A Audiencia explica que os elementos de proba fundamentais son: a declaración da vítima, o testemuño da amiga á que lle contou o sucedido ese mesmo día e a declaración dos axentes que realizaron no 2005, acompañados pola denunciante e pola súa nai, a inspección ocular do lugar onde sucederon os feitos.  

Os maxistrados entenden acreditado que a afectada "non alberga unha vontade vingativa" e aseguran que o seu relato é coherente, pois "non ten ningunha quebra lóxica ou coas regras da experiencia que impida a súa valoración". Ademais, recalcan que é persistente porque a denunciante "sostivo de forma continuada a mesma versión dos feitos".  

O tribunal, ademais, afirma que "todos os elementos substanciais da súa declaración non variaron en ningún momento", así como que o relato que a menor fixo ese día do sucedido á súa amiga e á súa irmá dota "de maior apoio aínda" a súa declaración. Os xuíces tamén resaltan que "os diversos elementos do relato da denunciante non foron refutados por ningún outro medio de proba".  

Na resolución, os maxistrados inciden na relevancia probatoria da forma en que a denunciante contou por primeira vez a unha amiga, no instituto, que fora violada polo seu cuñado. "É relevante é que non se trata de trasladar un feito que se afirme sucedido tempo antes, senón que se afirma que acaba de suceder".  

"Tal dato reduce as posibilidades de preparación dun relato fabulado, pois é difícil soster que unha menor de 17 anos preparase ese escenario", sinala o tribunal, que engade que tamén manifesta que a agresión sexual sucedeu "precisamente no día en que o propio acusado recoñece que non estaba no seu traballo".  

Así, manifesta que o que podía esperar a denunciante naquel momento era que o seu cuñado estivese no posto de traballo, "de forma tal que se o que pretendía era imputarlle falsamente un encontro con ela, non é razoable que o fixese precisamente no seu horario laboral".  

"Todo o comportamento inmediato dela ese día é plenamente coherente con acabar de padecer un feito como o descrito e hai pouco probable que respondese a unha simple simulación", subliña a Audiencia, á vez que indica que un dos axentes que participaron ao día seguinte na inspección ocular do lugar no que sucederon os feitos testificou que a menor "era moi clara e indicaba con precisión o que sucedera".

Suma unha terceira condena

Durante a vista oral, o acusado asegurou reiteradamente que era inocente, e na súa última intervención, empregando o seu dereito á última palabra, dixo que "se pode demostrar que aquí hai xente que mentiu", algo que dixo en referencia á vítima, testemuñas e aos axentes da Garda Civil.

Pola súa parte, o fiscal e as acusacións incidiron en que os feitos xulgados se axustaban a outros comportamentos polos Abuín xa fora xulgado e condenado: o rapto e asasinato de Diana Quer e a tentativa de agresión sexual a unha moza en Boiro en 2017. Para a Fiscalía, "o modus operandi é de libro".

De feito, amais do coñecido caso da moza madrileña, no xuízo tamén declarou a vítima dese intento de agresión sexual en Boiro que acabou coa súa detención. Ante a sala explicou que o Chicle lle dixera que lle dese o móbil e que tiña un coitelo, como no caso da violación á súa cuñada.

Deste xeito José Enrique Abuín Gey suma unha nova condena, tres en total, tras a de prisión permanente revisable polo asasinato de Diana Quer, e aos cinco anos de cárcere polo rapto e tentativa de agresión sexual a unha moza en Boiro en 2017.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade