Condenan a 22 anos e medio de cárcere o veciño de Oroso que estrangulou a nai e incendiou o piso
Condenan a 22 anos e medio de cárcere o veciño de Oroso que estrangulou a nai e incendiou o piso
A sentenza, de acordo co veredicto do xurado, considera culpable o acusado dun delito de asasinato con aleivosía e dun delito de incendio con risco para a vida ou integridade física das persoas
A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 22 anos e medio de cárcere ao veciño da localidade de Oroso que matou a nai e incendiou o domicilio familiar en xuño de 2021.
Na súa sentenza, de acordo co veredicto do Tribunal de Xurado, o acusado é considerado culpable dun delito de asasinato, concorrendo a circunstancia de aleivosía, e dun delito de incendio con risco para a vida ou integridade física das persoas, de menor entidade, concorrendo a circunstancia atenuante de reparación do dano.
En concreto, o home foi condenado a 17 anos de prisión polo delito de asasinato, mentres que por incendio a súa condena ascende a cinco anos e seis meses. Tamén se lle impuxo o pago das costas.
No relato de feitos probados da sentenza, o maxistrado presidente relata que o condenado aproveitou que a súa nai estaba en cama para asfixiala utilizando unha peza de roupa, "probablemente unha camiseta, que enrolou no seu pescozo e apertou, durante uns minutos, ata causarlle a morte". "Tras acabar coa vida da súa nai, procedeu a prender lume ao domicilio", recolle a sentenza.
O agora condenado, que alertou ao 112 do incendio, foi rescatado polos bombeiros do interior do domicilio en estado de inconsciencia. As lapas, segundo a resolución, propagáronse pola vivenda do procesado e da súa nai, "e puideron propagarse polo resto de pisos do edificio, que estaban ocupados nese momento polos seus moradores, o que non sucedeu pola acción dos bombeiros".
Foi a semana pasada cando o Tribunal do Xurado considerou probado que o home, "de forma deliberada e para eliminar a posibilidade de defensa da súa nai, atacouna por sorpresa, na cama, aproveitando que se atopaba baixo os efectos sedantes da inxesta de lorazepam".
Tamén recoñece que a chamada de alerta ao servizo de emerxencias "contribuíu de maneira relevante a que os danos do incendio non fosen maiores".
A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).