Condenan un lugués a pagar 10.200 euros por tocarlle as nádegas a unha camareira
Condenan un lugués a pagar 10.200 euros por tocarlle as nádegas a unha camareira
O suceso produciuse nun bar dunha vila próxima a Lugo, en que o acusado era cliente habitual, e onde, segundo recolle a sentenza, realizara en varias ocasións comentarios machistas respecto da traballadora
10.200 euros é a cantidade que terá que pagar un sexaxenario por tocarlle as nádegas á camareira dun bar ao que acode con frecuencia. Así o decidiu a titular do Xulgado número 1 de Lugo nunha sentenza aplaudida desde os colectivos feministas.
O máis rechamante desta decisión xudicial é que a Fiscalía pedía tan só unha multa de 720 euros por un delito leve e mesmo chegou a propoñer o arquivo do procedemento. Lonxe diso, a titular do Xulgado número 1 de Lugo aprecia un delito grave e fixa na sentenza que terá que pagar 10.200 euros, 7.200 de multa e 3.000 de indemnización por danos morais.
Todo aconteceu nun bar dunha vila próxima a Lugo. O acusado, segundo a sentenza, era cliente habitual deste local, e en varias ocasións proferiu comentarios machistas relacionados, por exemplo, coa roupa que usa a vítima. Pero a cousa non quedou aí e, nunha ocasión, cando se cruzaron na porta do bar, o home tocoulle as nádegas con ánimo libidinoso, un acto, segundo a xuíza, de inequívoco carácter sexual e non consentido.
O acusado, que poderá presentar recurso, negou durante o xuízo todos os feitos que se lle imputan.
Colectivos feministas agardan que esta sentenza sirva como exemplo e din que supón un recoñecemento para moitas mulleres que son vítimas de abusos deste tipo no seu ámbito laboral.