Búfalo, o 'parruliño feo' dos cans
Búfalo, o 'parruliño feo' dos cans
Era o cachorro máis débil e menos agraciado dunha camada abandonada no lixo
Este pastor garafiano é hoxe un semental que acumula premios de beleza canina
Esta historia, que parece un conto, comeza hai cinco anos. Daquela Juan vivía na illa da Palma e Búfalo fora abandonado nunha caixa no lixo xunto aos seus irmáns.
"Atopárono a caixa uns varredores no vertedoiro, saíron sete cans do seu interior, toda unha camada. Levárona a un grupo que colabora co control de gatos e cans na illa", explica Juan Salvadores Canedo, o dono do can.
Un amigo faloulle do achado e Juan acabou adoptando o último da camada: un cachorro pequeniño, feble e pouco agraciado, de aí o seu nome de Búfalo.
"Tiña a cara negra, as patas estaban infradesenvolvidas, era raquítico. Os veterinarios non querían vacinalo, estaba en estado lamentable".
Os coidados obraron a milagre, e aquel cadeliño do lixo resultou ser excepcional e de raza. Acumula premios nos concursos e é actual campión nacional de beleza da raza garafiana. Búfalo responde ao ideal destes cans pastores de cabras, coa rabadilla tan alta como a cruz, moita axilidade e un carácter nobre. Características que herdou seu fillo Togo.
"Esta raza estase usando como can de compaña, teñen un carácter incriblemente bo. Son similares aos golden pero con aptitudes de pastor de cabras", conta Javier Basoa, o dono de Togo.
Agora Búfalo ten un fillo e tamén un pai. Un final feliz en que pode parecer que foi un can con sorte. Pero Juan insiste: o afortunado foi el:
"Os cans sempre te devolven máis do que lles dás", conclúe.