A Xunta amplía en 30 millóns as axudas para mellorar a eficiencia enerxética en vivendas
A Xunta amplía en 30 millóns as axudas para mellorar a eficiencia enerxética en vivendas
O executivo galego decide incrementar a contía pola "elevada demanda", tras recibir 650 solicitudes desde a apertura do prazo o 16 de xuño
A Xunta de Galicia decidiu ampliar en 30 millóns o orzamento das axudas para accións de mellora de eficiencia enerxética en vivendas ante a "elevada demanda" rexistrada á convocatoria, aberta hai dúas semanas.
En total, a contía global para estas subvencións increméntase un 80 % ata alcanzar os 66,4 millóns de euros en total, segundo concretou o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Diego Calvo, na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello.
O Executivo galego dá así luz verde a ampliar o capital de 43,1 millóns de euros asignado a este programa aprobado a mediados do mes de xuño e que, desde a apertura do prazo o 16 de xuño, recibiu xa 650 solicitudes.
Esta iniciativa divídese en tres liñas de subvencións: actuacións en edificios, en vivendas e apoios para a redacción do libro de edificio e de proxectos.
Diego Calvo na súa comparecencia lembrou que o obxectivo é reducir un 30 % o consumo enerxético das vivendas. Para iso, financiaranse actuacións ata un máximo de 26.000 euros.
Estas subvencións fináncianse cos fondos europeos do programa Next Generation UE e foron convocadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo por primeira vez o ano pasado.
Estas axudas poden ser solicitadas tanto polos propietarios individuais das vivendas como por cooperativas, comunidades de veciños e empresas arrendatarias ou concesionarias dos inmobles.
As axudas a nivel de vivenda están destinadas á mellora enerxética de vivendas de forma individual, xa sexan unifamiliares ou formen parte de inmobles residenciais colectivos.
Axudas para consolidar o emprendemento
O Consello de Xunta tamén aprobou unha nova liña de apoios ao emprendemento que busca consolidar proxectos que leven menos de tres anos e medio funcionando. As empresas e negocios de recente creación poderán recibira ata 90.000 euros para sufragar equipos informáticos, reformas ou mobiliario.
Tamén contempla incentivos de 6.000 euros para os emprendedores que contraten persoas desempregadas a xornada completa. En total, a Consellería de Promoción do Emprego destinará seis millóns de euros a esta liña Emprendemento Plus.