A Xunta quere que Galicia sexa a primeira rexión europea en regular a intelixencia artificial

O Consello da Xunta aprobou este xoves o inicio da tramitación do anteproxecto de lei que establecerá a normativa autonómica sobre a IA

G24.gal 30/11/2023 10:49 Última actualización 30/11/2023 14:54

O Consello da Xunta aprobou este xoves o inicio da tramitación do anteproxecto de lei que regulará a intelixencia artificial en Galicia.

Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Galicia pretende converterse na primeira rexión de Europa que adopta unha normativa propia nesta materia.

"Queremos garantir que os usos que se fagan sexan respectuosos", asegurou Rueda, quen anunciou a creación dun comité de expertos para asesorar a Administración autonómica.

O presidente, que se referiu á posta en marcha na Coruña da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, sostivo que esta iniciativa chega nun momento "máis que oportuno" e busca garantir que estes sistemas de IA se utilicen en Galicia dunha forma "fiable" e "respectuosa" cos dereitos das persoas.   

Dixo ao realizar o anuncio que se debe "garantir un uso eficaz da IA dentro da Xunta" desde o plano ético e xurídico, e eficaces economicamente.

A lei tamén obrigará á administración autonómica a informar á cidadanía sobre o peso da intelixencia artificial na súa toma de decisións.

Di Alfonso Rueda que ao mesmo tempo débese "aproveitar esta oportunidade" dentro do tecido socioeconómico, xa que a nova normativa tamén busca "impulsar" iniciativas privadas a través de incentivos fiscais e axudas económicas a empresas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade