Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta incrementa un 6 % o seu complemento das pensións non contributivas

A Xunta incrementa un 6 % o seu complemento das pensións non contributivas

A contía total ascende aos 218 euros, nun único pagamento que se fará efectivo a primeiros de abril

G24.gal 09/03/2023 11:46 Última actualización 09/03/2023 15:01

A Xunta pagará nos primeiros días do mes de abril o complemento autonómico para as pensións non contributivas, que ascenderá a unha contía de 218 euros por beneficiario, despois dun incremento do 6 % con respecto ao ano pasado.

Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a contía global para estes complementos, que se outorgaban todos os anos e este exercicio adiantan o seu pago, é de 8 millóns de euros e servirá para complementar a pensión duns 37.000 pensionistas galegos.

Na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, Rueda lembrou que este pagamento único será ingresado de oficio aos beneficiarios sen necesidade de que realicen ningún trámite.

Actualmente, arredor de 37.000 galegos cobran unha pensión non contributiva, que se sitúa no caso de cobrarse íntegra arredor dos 484 euros mensuais, logo do pacto alcanzado o verán pasado entre o Goberno central e EH Bildu para incrementar estas prestacións nun 15 %.

Estas pensións de xubilación ou invalidez son percibidas por persoas con poucos recursos que non cotizaron o tempo esixido para recibir unha pensión contributiva e que a Xunta vén complementado cunha extra.

Pide ao Goberno multiplicar por oito o investimento do corredor noroeste

 A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central que multiplique por oito o investimento previsto para o corredor atlántico noroeste ferroviario, xa que considera "absolutamente insuficientes" os 1.130 millóns de euros anunciados e calcula que son necesarios uns 8.000 millóns.

Alfonso Rueda reprochou ao executivo central as "contas tramposas" sobre esta infraestrutura, ao pretender sumar ao corredor de mercadorías os investimentos xa feitos no tren de alta velocidade, AVE, que é de pasaxeiros.

Ademais, insistiu en que o corredor atlántico do noroeste debe ter un "tratamento específico" e non quedar "diluído" na infraestrutura prevista para conectar desde Alxeciras ata o norte para que o diñeiro "non sexa moito menos do necesario", como cre que se expón actualmente.

Rueda lembrou que o vindeiro luns as comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco abordarán estas e outras cuestións no cumio que se celebrará en Vitoria, a invitación do lehendakari, Íñigo Urkullu, á que Rueda acudirá acompañado pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.

Eólica mariña

O presidente Rueda tamén anunciou que a Xunta lle pediu por escrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica que aclare os plans que ten para a eólica mariña na costa galega. Rueda di que falta información, e apunta que non sabe o que pasou coas alegacións que fixo a comunidade autónoma ao plan estatal. 

O presidente da Xunta tamén anunciou que a Xunta acaba de declarar iniciativa empresarial prioritaria 13 parques eólicos asociados a industrias. Doce deles subministraranlle enerxía a Alcoa e o outro ao grupo Cortizo. A declaración de iniciativa empresarial prioritaria axiliza os trámites da instalación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade