Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Sergas investirá 200 millóns ata 2026 para impulsar a Intelixencia Artificial

O Sergas investirá 200 millóns ata 2026 para impulsar a Intelixencia Artificial

"Non se trata de substituír médicos por unha máquina, pero si de darlles aos profesionais información máis concreta a tempo real", di o presidente da Xunta

G24.gal 01/06/2023 11:42 Última actualización 01/06/2023 17:56

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contará cun plan duns 200 millóns de euros ata 2026 para potenciar o emprego da intelixencia artificial (IA) e introducila "como ferramenta de apoio ao traballo diario".

Así o avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao termo da reunión semanal do seu Executivo, en que se aprobou este plan de transformación dixital que permitirá dotar o sistema sanitario das "vantaxes" que ofrecen as novas tecnoloxías e a "potencialidade" da IA.

Contará con máis de 120 iniciativas, entre elas a mellora do seguimento telemático dos pacientes ou analizar patróns de risco para seleccionar a persoas que conten cunha enfermidade e ofrecerlles de forma automática un cribado.

"Non se trata de substituír médicos por unha máquina, pero si de darlles aos profesionais información máis concreta a tempo real", matizou o presidente da Xunta.  

Por outra banda, o Goberno galego tamén aprobou este xoves outro plan para investir 5 millóns de euros en 100 máquinas que permitirá reducir os gases contaminantes no emprego de anestesia por inhalación.   

O Consello da Xunta tamén aprobou destinar 14,6 millóns de euros en axudas para instalacións de enerxías renovables térmicas en empresas e concellos, dende caldeiras de biomasa ata sistemas solares ou de xeotermia. Os apoios serán de ata o 70 % do custo da instalación para concellos e ata o 45 % para as empresas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade