A Xunta aproba a Estratexia de saúde 23-30, dirixida a unha "atención máis personalizada"
A Xunta aproba a Estratexia de saúde 23-30, dirixida a unha "atención máis personalizada"
O obxectivo é o de "planificar e anticipar as necesidades da sanidade", segundo explicaron o presidente da Xunta e o titular da Consellería
O Goberno galego aprobou este xoves a Estratexia de seguridade e saúde de Galicia. Horizonte 2027, coa que se busca ofrecer unha "atención máis personalizada", con decisións que van orientadas a un aumento da atención domiciliaria e a monitorización de pacientes.
Así o avanzaron na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
Explicaron que esta estratexia estará conformada con 20 programas e 100 liñas de actuación co obxectivo de "planificar e anticipar as necesidades da sanidade".
Comesaña falou na súa intervención de cuestións como promover unha sanidade máis proactiva, reforzar a vacinación e os cribados, un maior uso das novas tecnoloxías, favorecer estilos de vida saudables, e así prever a aparición de doenzas; e todo iso cunha atención personalizada para "actuar antes de que apareza un problema".
Ábrese a posibilidade de subvencionar a ximnasia ou a piscina a aqueles pacientes con determinadas patoloxías, sempre que o médico o receite. Esta estratexia dá continuidade aos plans anteriores da Xunta para que os centros de saúde colaboren con entidades da súa contorna e entre todos mellorar o control das patoloxías crónicas, fomentar bos hábitos alimenticios ou reducir o risco de enfermidades de transmisión sexual ou adiccións.
E todo iso, dixo o conselleiro de Sanidade, tomando máis en conta aos usuarios dentro de todos os procesos.
"A estratexia tenta orientar as políticas sanitarias para os próximos 7 anos", e o Sergas elaborará un plan de formación continuada para todos os profesionais e promoverá cambios tanto na organización coma no método de traballo dos centros de saúde.
A estratexia tamén incorpora a perspectiva de xénero, reforzando as políticas activas de igualdade para o persoal sanitario.
E aínda que o titular de Sanidade sinalou que este plan "non ten partida orzamentaria", lembrou que, neste 2023, a Consellería contou cun orzamentos de 5.000 millóns de euros, e que aínda se descoñece a asignación para 2024.