Rueda: "Galicia volveu cumprir co obxectivos de déficit e débeda"
Rueda: "Galicia volveu cumprir co obxectivos de déficit e débeda"
O presidente da Xunta presenta a Conta Xeral do 2022 e critica que se premie ás comunidades "incumpridoras"
O Consello da Xunta aprobou este xoves na súa reunión semanal a Conta Xeral da Comunidade Autónoma do exercicio 2022, que "ratifica" que Galicia cumpriu os o obxectivos de déficit e débeda pública fixados nos orzamentos, segundo destacou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda.
O documento presentado pola Consellería de Facenda destaca que o déficit foi do 0,5 % do PIB, unha décima menos do previsto, e que a taxa de endebedamento quedou no 17,2 %, tres décimas por debaixo do obxectivo inicial. Ademais, no 2022 o período medio de pagamento a provedores en Galicia foi de 15 días, fronte aos 25 da media de España.
“Galicia foi no 2022 a terceira comunidade de réxime común con menor déficit e tamén a comunidade de réxime común que menos incrementou a súa débeda desde 2008”, destacou Alfonso Rueda.
Con este balance, o presidente da Xunta defendeu que Galicia reforza a súa oposición a que o Goberno beneficie nos orzamentos as comunidades incumpridoras coas contas públicas, en referencia a Cataluña.
"Somos unha comunidade responsable co manexo dos fondos públicos, por iso volvemos reivindicar, este ano con máis forza ca nunca, que non podemos admitir que se premie con cantidades disparatadas ás comunidades que non están cumprindo", afirmou o presidente.