Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta aproba a convocatoria de 1.743 prazas de docentes para este 2024

A Xunta aproba a convocatoria de 1.743 prazas de docentes para este 2024

1.512 postos serán de novo ingreso para primaria, secundaria, escolas de idiomas e FP, e 231 prazas para mestres que queiran pasar a secundaria ou ao corpo de inspectores

G24.gal 25/01/2024 11:49 Última actualización 25/01/2024 16:44

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Executivo galego, na súa reunión semanal, aprobou a oferta de emprego público docente de 2024, pola que se convocan 1.743 prazas en máis de medio centenar de especialidades.

Así o trasladou na comparecencia de prensa posterior ao Consello da Xunta, no que ratificou a luz verde desta OPE que xa se avanzou en decembro do pasado ano.

Rueda lembrou que o 86 % (1.512) son de novo ingreso para mestres (520), docentes de secundaria (875), de escolas de idiomas (33) e do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares de FP (84).

As outras 231 prazas resérvanse para que profesores que xa exercen poidan pasar ao corpo de docentes de secundaria ou ao de inspectores de Educación.  

Os exames, como é habitual, arrincarán a final de curso. En concreto, este ano farano o sábado 22 de xuño.

Formación de desempregados

A Xunta tamén aprobou este xoves destinar 46 millóns de euros para a formación de máis de dous mil desempregados. As axudas van dirixidas a obradoiros de emprego que organicen tanto concellos como entidades, e terán prioridade os vencellados ao sector forestal, á posta en valor das rutas do Camiño de Santiago, ás novas tecnoloxías e á economía dixital.

Centro de protonterapia

Amais, tamén se declarou a construción do Centro de Protonterapia de Galicia como proxecto de urxencia e de interese social para poder comezar as obras canto antes.

Galicia será a primeira comunidade de España cun centro público de para aplicar esta técnica. Estará en Santiago e aquí os pacientes de cancro recibirán tratamentos de última xeración máis eficaces e menos invasivos.

O centro está enmarcado no acordo que asinou a Fundación Amancio Ortega con dez comunidades. No de Santiago tratarán doentes de Galicia, Asturias e Castela e León.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade