A Xunta anuncia "a maior oferta da historia" na FP: 4.500 prazas máis e 17 novas titulacións
A Xunta anuncia "a maior oferta da historia" na FP: 4.500 prazas máis e 17 novas titulacións
Segundo Alfonso Rueda, as actuacións en canto á Formación Profesional responden aos obxectivos de “redignificala” e ir “adaptando a oferta” ao tecido produtivo
Galicia contará no próximo curso 2024-2025 con máis de 46.700 prazas de Formación Profesional, cun incremento de 4.500 máis que no curso anterior e 17 novas titulacións.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que é a “maior oferta da nosa historia” e un crecemento “en todas as titulacións”.
Segundo sinalou Rueda, as prazas aumentarán, sobre todo, nas zonas rurais de Galicia. Entre as novas titulacións destacan dous novos ciclos en transporte por estrada e en aproveitamento forestal.
Amais deles, haberá dous novos mestrados e outros 13 títulos de alta especialización. En total, o catálogo ascende a 214.
Na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta, o xefe do Executivo galego lembrou que un dos obxectivos prioritarios do seu goberno en materia de educación é “redignificar” a FP en Galicia e ir “adaptando a oferta” ao tecido produtivo en Galicia.
A xuízo de Rueda, está a irse no bo camiño para conseguir estes retos como evidencia o aumento das matrículas, así como as altas taxas de empregabilidade que conseguen estes ciclos e que alcanza o 85 % nas titulacións de FP xeral, mentres que, no caso da FP dual, chégase ao pleno emprego ao conseguir un traballo “o cen por cento” dos estudantes que se titulan.
O xefe do Goberno galego tamén anunciou que o próximo curso, seguindo a liña da matrícula gratuíta para a universidade, a Xunta reducirá de 8.000 a 4.000 euros a matrícula no Centro Superior de Hostalería de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela
e dependente orgánicamente da Xunta de Galicia) , e as bolsas para os estudantes aumentarán de 21 a 52.