As farmacias galegas repartirán medicamentos a domicilio a pacientes que o precisen
As farmacias galegas repartirán medicamentos a domicilio a pacientes que o precisen
O servizo está pensado para pacientes dependentes ou de zonas rurais que viven lonxe de oficinas de farmacia
A Xunta confía en tramitar a norma para que a principios do próximo ano xa estea en funcionamento o sistema
O Goberno galego confía en ter en vigor a "principios de 2025" o novo decreto que regulará a repartición de medicamentos a domicilio por parte das farmacias a pacientes que o precisen, é dicir, que sexan dependentes ou que vivan en zonas do rural illado.
A idea, segundo explicou en conferenica de prensa o presidente da Xunta Alfonso Rueda, é que sexan as cinco farmacias máis próximas ás respectivas vivendas as que realicen esta dispensación porta a porta.
Tamén se habilitará un sistema para que os servizos de farmacia hospitalaria poidan realizar "entregas informadas" en casos de medicamentos máis complexos.
Preguntado respecto diso, Rueda non descartou que a Xunta teña que habilitar financiamento destas reparticións, porque, tal e como asumiu, "terá os seus custos" para as oficinas.
Esta dispensación a domicilio xa se realizou durante a pandemia da covid-19, pero este decreto permitirá mantela e xeneralizala ao conxunto de Galicia.