A Xunta incrementa un 60 % a partida para o transporte público adaptado
A Xunta incrementa un 60 % a partida para o transporte público adaptado
O novo contrato alcanzará case os 19 millóns de euros e permitirá ampliar os vehículos dispoñibles e os quilómetros que poden realizar
O Consello da Xunta aprobou este luns destinar case 19 millóns de euros á contratación do servizo de transporte público adaptado para persoas con discapacidade ou dependencia para os próximos tres anos.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, esta cantidade supón un incremento de preto do 60 % respecto ao anterior contrato e vai permitir ampliar o número de vehículos dispoñibles e o número de quilómetros que poden realizar.
Na reunión semanal do Consello da Xunta tamén se aprobou poñer en marcha dúas novas unidades de saúde mental para maiores e xente nova no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Esta medida está enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia.
Nova facultade de Farmacia e traspaso pola gratuidade das matrículas universitarias
Amais o Consello acordou inxectar 12 millóns de euros á Universidade de Santiago (USC) para a construción da nova facultade de Farmacia na capital galega, e que está previsto que se constrúa nos próximos dous anos.
Amais Alfonso Rueda anunciou que se lle vai permitir á USC renegociar coas entidades bancarias o aprazamento do pagamento da súa débeda por valor de 10 millóns de euros.
A reunión semanal do Consello que tamén deu o visto e prace a transferir 5,5 millóns de euros ás tres universidades públicas para compensar nas súas contas a gratuidade das matrículas que se empeza a aplicar este curso.
Trátase dun montante inicial, posto que aínda "non está pechado o proceso de matrícula". Estes 5,5 millóns repártense en 2,2 millóns para a Universidade de Santiago, 1,7 para a da Coruña (UDC) e outros 1,6 para a de Vigo (UVigo).