Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta investirá 40 millóns en mellorar a seguridade viaria nas rutas do Camiño de Santiago

A Xunta investirá 40 millóns en mellorar a seguridade viaria nas rutas do Camiño de Santiago

Están previstas intervencións en 150 quilómetros das nove rutas recoñecidas 

G24.gal 30/09/2024 10:35 Última actualización 30/09/2024 14:55

O Consello da Xunta aprobou este luns destinar 40 millóns de euros a mellorar a seguridade viaria no Camiño de Santiago. Está previsto que se realicen intervencións en 150 quilómetros nas nove rutas xacobeas. 

O obxectivo é actuar naqueles lugares onde o camiño transita xunto á rede de estradas. "Queremos afastar os peregrinos das zonas máis perigosas de circulación", explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Faranse sendas peonís, sinalización de treitos, pasos elevados e outras intervencións que permitan rebaixar os perigos para os peregrinos.

A intención da Xunta é realizar estas melloras no prazo de catro anos para que as rutas do Camiño estean listas na súa maior parte no próximo Xacobeo do 2027.

Esas actuacións iniciaranse neste próximo mes de outubro en tres lugares: no Camiño Portugués, en Caldas de Reis, na estrada N-550, no núcleo de Carracedo, onde se vai facer unha senda peonil que irá adxacente á estrada; e no Camiño Inglés, en Abegondo, onde se vai habilitar un itinerario alternativo polos lugares de Limiñón e Meangos, e na Sionlla, en Santiago de Compostela, tamén en paralaleo á N-550.

Adquisicións para o Novo Montecelo

O Consello da Xunta tamén aprobou destinar 30 millóns para a adquisición de equipamento para o novo hospital de Pontevedra, no que está previsto un orzamento total de 170 millóns, para que comece atender os primeiros pacientes a finais do próximo ano.

"As obras están moi avanzadas, e non queremos perder tempo", dixo o presidente da Xunta, que explicaba que a maior partida, máis de sete millóns de euros, será para á area de cirurxía e que permitirán que o Novo Montecelo sexa o primeiro hospital de Galicia que no que todos os seus quirófanos serán dixitais.

Rueda tamén destacou o investimento de 1,7 millóns para a área de radioterapia e medicina nuclear que "fará que uns 500 pacientes que agora teñen que ir recibir estes servizos á área de Vigo poidan evitar eses desprazamentos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade