Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta defenderá ante a xustiza europea a tramitación dos proxectos eólicos

A Xunta defenderá ante a xustiza europea a tramitación dos proxectos eólicos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia presentou unha cuestión prexudicial ante Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a legalidade das tramitacións ambientais

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, asegura que "traballamos sempre con rigor" e que todas as autorización se fixeron "con todas as garantías"

A repotenciación reducirá de 3.000 a 600 os aeroxeradores duns 100 parques eólicos

Arquivo (Europa Press/Carlos Castro)
G24.gal 28/10/2024 11:00 Última actualización 28/10/2024 12:28

Consello da Xunta aprobou este luns que a administración galega participe no proceso de consulta prexudicial aberto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea para aclarar a legalidade das normas sobre tramitacións ambientais dos parques eólicos

Segundo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, a defensa da Xunta vaise basear en que "traballamos sempre con rigor dentro do marco normativo do sector vixente"

Vázquez destacou que xa o Tribunal Supremo español deulle a razón á Xunta no caso dun parque de Corme e "imos defender o noso rigor en Europa en coordinación co Goberno central". "Agardamos que a xustiza europea avale estes procesos e finalice o bloqueo aos eólicos na nosa comunidade", concluíu a conselleira.

A conselleira de Medio Ambiente explicou que Galicia ten 190 parques en funcionamento e outros 100 autorizados, dos que 68 foron paralizados pola xustiza. Segundo relatou, o TSXG considera que a Lei de avaliación ambiental española, que aplica a Xunta para dar as autorizacións, vulnera o dereito comunitario.

Vázquez insistiu en que en ningunha destas normas indícase que a fase de consulta a autoridades competentes téñase que facer antes de someter o proxecto a información pública.

Segundo dixo Ánxeles Vázquez, a lei leva vixente 11 anos e este é o primeiro tribunal que ten dúbidas sobre a súa legalidade, e para resolvelas o TSXG abriu un proceso de consulta ante o Tribunal de Xustiza da UE, no que a Xunta decidiu participar como parte afectada. 

A Asesoría Xurídica Xeral da Xunta ten agora que fixar "os pasos a seguir" para a súa tramitación antes do prazo que finaliza o 5 de novembro. 

Vázquez destacou a importancia da decisión que tome a xustiza europea, xa que dixo "non vai afectar só a nosa comunidade, senón que vai afectar toda España"

"Ao Goberno central custoulle entender que este non era un problema galego, senón nacional", dixo a conselleira, quen agradeceu que finalmente tomen parte nesta causa, que incluso cre que pode atinxir a outros Estados como os Países Baixos ou Portugal.

En canto a prazos sobre esta resolución, dixo que de media estes temas tardan uns 18 meses en resolverse, esperando que os tempos se reduzan "dada a importancia" que ten o caso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos