A Xunta inicia os trámites para deseñar o novo Plan Sectorial Eólico de Galicia
A Xunta inicia os trámites para deseñar o novo Plan Sectorial Eólico de Galicia
Alfonso Rueda defende a necesidade de adaptar o sector a nova realidade, máis de vinte anos despois de aprobarse o plan que actualmente está en vigor
O cribado de cancro colorrectal do Sergas detectou en dez anos máis de 2.600 tumores
O Consello da Xunta aprobou este luns iniciar os trámites para deseñar o novo Plan Sectorial Eólico de Galicia, que deberá actualizar o actual que entrou en vigor en 2002.
"É necesario adaptarse a todas as modificacións, sobre todo en normativa comunitaria, que aconteceron nestes anos, o que inflúe moito na seguridade xurídica dos proxectos", explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
"Incorporaremos unha avaliación ambiental estratéxica", avanzou Rueda, "e todos os proxectos eólicos que se fagan a partir de agora terán que ter en conta que deben supoñer unha redución da factura da luz para as empresas e os consumidores".
A intención da Xunta é licitar o contrato para a redacción do plan no primeiro semestre deste ano e que estea aprobado no horizonte de tres anos, en 2028, cara ao final da lexislatura.
"Galicia cremos que ten capacidade suficiente para unha maior potencia", dixo a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, quen cre que "cómpre establecer un obxectivo que reflicta esa auténtica capacidade".
Galicia conta con 190 parques eólicos, cun potencia total de 3.901 megawatts, pero cos que están en construción ou autorizados xa se superaría o límite actual de 6.500 megawatts, polo que é necesario actualizar o plan vixente.
"A evolución da tecnoloxía foi moi significativa nos últimos 20 anos, e isto modifica substancialmente o potencial aproveitable, respecto do que se pensou no momento de aprobación do plan", asegurou a conselleira.
Segundo Lorenzana, o novo plan "vai dar maior seguridade xurídica para os desenvolvementos enerxéticos" e farase unha nova zonificación aliñada co desenvolvemento industrial e a protección ambiental.
Segundo a conselleira o resultado pode permitir que "a superficie sexa incluso menor que a actual con maior potencia eólica instalada".
De cara ao traballo para a elaboración do plan van poñer en marcha dúas mesas de traballo, unha de tipo industrial (centrada tamén no desenvolvemento dunha industria eólica de fabricación de compoñentes) e outra social, a cal estará conformada por patronal e sindicatos.
A conselleira de Economía aclarou que as asociacións ecoloxistas non formarán partes desa mesa social, aínda que a participación pública en cada tramitación está aberta á súa participación.
Lorenzana tamén indicou que está a esperar a coñecer a postura dos partidos da oposición sobre as primeiras medidas transitorias relacionadas con este plan. Trátase da repotenciación dos parques máis antigos ou o obxectivo de rebaixar a factura da electricidade para os consumidores domésticos e industriais, algo que "non é negociable", asegurou.
O futuro plan revisará e actualizará as áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, atendendo tamén ás zonas de protección ambiental e ao desenvolvemento urbanístico e abordaranse as posibilidades de creación dunha industria de compoñentes.