Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aproba os investimentos da intermodal de Ourense e de Alfonso Molina na Coruña

O Goberno aproba os investimentos da intermodal de Ourense e de Alfonso Molina na Coruña

Na nova estación de Ourense está previsto un investimento de 130 millóns de euros e de 18 na principal avenida de acceso á Coruña 

G24.gal 16/05/2023 11:51 Última actualización 16/05/2023 14:18

O Consello de Ministros aprobou este martes o investimento para a ampliación e remodelación da estación intermodal de Ourense. Serán un total de 130 millóns de euros, e incluirá unha pasarela peonil que, segundo asegurou a ministra portavoz, Isabel Rodríguez, permitirá "mellorar a conectividade da alta velocidade en Galicia".

A actuación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) vaise licitar a través do Adif Alta Velocidade. O ministeiro asegura nun comunicado que transformará a estación ferroviaria de Ourense, incrementado o espazo para os viaxeiros e o número de vías, e converterá a infraestrutura nun nodo de transporte multimodal e sostible

O proxecto, ademais, promove a integración do ferrocarril na cidade e a súa permeabilidade. Será a través da construción desa nova pasarela peonil e a cobertura parcial da praia de vías da estación.

O proxecto enmárcase no convenio subscrito entre Mitma, Adif Alta Velocidade, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, que agrupa a estación ferroviaria e terminal de autobuses nun mesmo ámbito.

En virtude dese convenio, o Mitma encárgase da remodelación da estación ferroviaria e a permeabilidade do ferrocarril, a Xunta desenvolve e financia a terminal de autobuses e o Concello cede terreos e realiza as oportunas modificacións no plan de ordenación municipal para adaptalo ás actuacións.

Incremento da capacidade de Alfonso Molina

Ademais a reunión do Executivo tamén lle deu luz verde á renovación da avenida de Alfonso Molina na Coruña, en que se van gastar 18 millóns de euros e que modificará o aspecto e a mobilidade na principal vía de acceso á capital coruñesa.

Esta actuación, aseguran desde o Mitma terá un grande impacto para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana, e ten como principal obxectivo a mellora da funcionalidade, a capacidade e a seguridade viaria.

Están proxectadas novas vías de servizo laterais en ambos os sentidos de circulación que permiten reordenar os accesos existentes, sendo necesario repoñer as 2 pasarelas peonís afectadas que cruzan a avenida.

Por último, será completado o movemento da ligazón de Ponte da Pedra cara á AC-10 e o barrio de Matogrande, desde o centro da cidade.

Paralelamente, asegura o Mitma que xa está a ultimar os pasos para finalizar e aprobar o proxecto de integración ambiental previsto para esta mesma avenida.

Esta actuación, financiada polo Plan de recuperación, incorpora diversos aspectos que melloran a integración urbana da actuación e achegan seguridade viaria aos usuarios vulnerables (peóns, ciclistas e mobilidade alternativa).

Entre os elementos proxectados, atópanse novas sendas peonís, vías ciclables, plantacións e pantallas vexetais, unha nova pasarela peonil sobre o vial Matogrande-Pocomaco, que facilitará o acceso cara á universidade, e novos viais que posibilitan a realización de novos movementos e accesos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade