Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno remite ao Tribunal Administrativo do Deporte a documentación do caso Rubiales

O Goberno remite ao Tribunal Administrativo do Deporte a documentación do caso Rubiales

O tribunal solicitara unha ampliación da documentación xa enviada

O Consello Superior do Deporte proporá suspender a Luis Rubiales cando o Tribunal Administrativo do Deporte abra o proceso na súa contra

G24.gal 29/08/2023 11:11 Última actualización 29/08/2023 17:52

O Consello Superior de Deportes (CSD) trasladou este martes ao Tribunal Administrativo do Deporte a documentación adicional requirida a través dun oficio como os comunicados emitidos pola RFEF, Jenni Hermoso e o sindicato Futpro en relación ao 'caso Rubiales'.

O CSD xa achegara como apoio á súa petición razoada todas as denuncias presentadas ante o organismo.

O TAD, que este luns empezou a analizar a petición razoada formulada polo CSD o pasado venres para solicitar a inhabilitación do presidente da RFEF polo bico non consentido a Jenni Hermoso na entrega das medallas polo Mundial feminino, requiriu unha ampliación da documentación presentada.

Rubiales está acusado de abusos de autoridade e de actos notorios e públicos que atentan á dignidade ou decoro deportivos, ambas infraccións consideradas moi graves.

Se o TAD abre expediente, o CSD estará en disposición de convocar en 48 horas á Comisión Directiva que pode suspender de forma cautelar e provisional ao presidente da RFEF ata que o tribunal resolva o caso.

O ministro de Cultura e Deportes, Miquel Iceta, xa anunciou este martes que o Goberno pedirá a suspensión de todas as súas funcións do expresidente da Real Federación Española de Fútbol cando o Tribunal Administrativo do Deporte, adscrito incoe o procedemento contra el.

"Unha vez admita a trámite a denuncia, poderemos convocar en 48 horas a directiva do CSD, onde propoñeremos a suspensión do expresidente ata que se produza a resolución definitiva do Tribunal", detallou Iceta na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros.

Iceta tamén puxo en valor a "brillante vitoria" da selección feminina de fútbol e aseverou que é "inadmisible que comportamentos inaceptables embacen os avances conseguidos".

"Acabouse calquera discriminación e obstáculos cara ás mulleres no deporte, e acabouse lamentablemente por un incidente que non tiña que ocorrer", subliñou.

Rubiales perde apoios

Suspendido temporalmente pola FIFA, Rubiales queda tamén sen o apoio dos presidentes territoriais da Federación Española de Fútbol. Pídenlle nun comunicado que dimita por comportamentos inaceptables. E urxen cambios nos cargos da federación.

Mentres, os apoios a Jenni Hermoso suman e traspasan fronteiras. Desde a ONU reclaman que o caso Rubiales marque un punto de inflexión nos abusos e no sexismo no deporte. 

A Fiscalía abriu dilixencias contra Luis Rubiales, por un presunto delito de agresión sexual e ofrécelle a Jenni Hermoso a posibilidade de presentarse na causa e emprender accións legais. A xogadora ten 15 días para tomar a decisión.

Amanda Gutiérrez, presidenta de Futpro di que "estamos totalmente de acordo con que a Fiscalía actúe, pero gustaríame centrar o foco en que hai que protexer a Jenni e non expoñela".

En defensa de Rubiales, a nai permanece pechada nunha igrexa de Motril en folga de fame indefinida.

Querendo ver as consecuencias positivas desta situación, o ministro de Cultura e Deporte falou dunha "reacción social e deportiva que vai facer deste país un país mellor".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade