Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno declara zona afectada por emerxencia de incendios 37 áreas de sete comunidades autónomas

O Goberno declara zona afectada por emerxencia de incendios 37 áreas de sete comunidades autónomas

Entre as áreas beneficiadas por esta decisión do Consello de Ministros está a do incendio de Araya, en Tenerife, controlado xa pero aínda activo

A declaración permite aos afectados solicitar axudas económicas

Entre as áreas afectadas por estes grandes incendios non hai ningunha en Galicia

Traballos de extincion desde o aire do incendio, aínda activo, en Tenerife
G24.gal 05/09/2023 11:49 Última actualización 05/09/2023 13:49

O Consello de Ministros aprobou declarar zona afectada gravemente por emerxencia de protección civil como consecuencia dos incendios forestais varias áreas nas comunidades autónomas de Andalucía, Canarias, Castela e León, Castela-A Mancha, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana e Estremadura.  

O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska presentou un avance do balance de incendios forestais de 2023, polo momento 37, que desde o pasado 17 de maio obrigaron a declarar o nivel 1 ou nivel 2 de emerxencia.

Entre estes 37 destacou o incendio de Araya, en Tenerife, que se iniciou o 15 de agosto e que xa está controlado pero segue activo e queimou xa máis de 14.000 hectáreas en 13 localidades distintas e obrigou a evacuar de forma preventiva máis de 3.000 persoas.

Ponse en marcha a solicitude de axudas para os afectados

Ademais, indicou Marlaska que tanto neste caso como nos outros 36 incendios incluídos no acordo adoptado polo Consello de Ministros, a Declaración de Zona Afectada pola Emerxencia permite a todos os afectados na declaración poñer en marcha a solicitude de axudas económicas necesarias para recuperar a normalidade da súa vida cotiá.

No que vai de ano, segundo detallou o ministro, son xa 87 os incendios rexistrados con consecuencias para a Protección Civil e 18 deles superaron as 500 hectáreas afectadas, é dicir grandes incendios forestais (GIF). En total, a superficie queimada supera as 66.000 hectáreas, dous puntos por baixo da media da última década, das cales unhas 47.000 foron calcinadas nos 18 GIF.

O ministro afirmou que neste momento o Estado mantén activados todos os seus medios en apoio ás comunidades autónomas e participa con máis de 600 efectivos das BRIF, 26 avións, 24 helicópteros, 4 aeronaves de observación, cinco basees aéreas do Ministerio de Defensa para acometer un ataque directo ao lume en todo o territorio nacional.

"O dispositivo do estado español integra miles de profesionais experimentados. Somos unha potencia recoñecida en todo o mundo e recibimos numerosas peticións doutros países para apoiar os seus esforzos noutros países", subliñou Marlaska, que apuntou que España colaborou este ano cos seus equipos de extinción en Chile, O Canadá e Grecia e mantén unha relación satisfactoria recíproca de resposta con Portugal nesta materia.

Este ano non se produciron falecementos por causa dos incendios

Marlaska celebrou que este ano non hai que lamentar falecidos, pero tivéronse que evacuar de forma preventiva 22.300 persoas. Tampouco afectaron as emerxencias forestais ás grandes infraestruturas pero precisou que nove provocaron cortes de estradas, seis cortes de subministración eléctrica, noutros seis houbo que cortar o tráfico ferroviario e no de Tenerife nalgúns momentos quedou suspendido o servizo de auga potable.

Igualmente, indicou que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) foi activada no que vai de 2023 en oito incendios fronte ás 55 intervencións de 2022.

"Non pretendo transmitir optimismo. Todos os anos sufrimos grandes incendios forestais. Estamos ante un novo escenario ligado ao cambio climático, con importantes implicacións na seguridade cidadá, aumentan os seus índices de intensidade e risco. O Goberno vai seguir traballando para reducir os riscos e danos para os seus cidadáns e o seu patrimonio natural", manifestou o ministro do Interior, que apostou pola anticipación como "mellor ferramenta para afrontar" os escenarios en que tanto o clima como a acción humana están a transformar o bosque.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos