Publicador de contidos
Publicador de contidos

Albares cualifica como "xesto inamistoso" o comunicado da embaixada de Israel

Albares cualifica como "xesto inamistoso" o comunicado da embaixada de Israel

O ministro de Asuntos Exteriores non contempla novas medidas e dá por finalizada a crise coa delegación diplomática israelí en España

José Manuel Albares insiste en que só hai dúas voces autorizadas para fixar a política de España no ámbito internacional: a do presidente do Goberno e do ministro de Exteriores

G24.gal 17/10/2023 11:02 Última actualización 17/10/2023 15:19

O ministro de Asuntos Exteriores en funcións, José Manuel Albares, cualificou este martes como "xesto inamistoso" o comunicado da Embaixada de Israel en España en que se queixaba da postura dalgúns membros do Goberno respecto á crise en Gaza.

"Onte, antes de emitir ese comunicado desde o ministerio, chamei a embaixadora de Israel e trasladeille o meu profundo desgusto polo comunicado que sacara a Embaixada e trasladeille que o consideraba un xesto inamistoso", dixo Albares.

En calquera caso, o ministro cualificou o incidente como "puntual" e deu por finalizada esta crise diplomática sen contemplar novas medidas como unha posible chamada a consultas. 

E en relación ás criticas sobre as opinións expresadas por membros do Goberno, e en concreto da ministra en funcións de Dereitos Sociais, Ione Belarra, Albares dixo que en materia de política exterior as voces autorizadas son as do presidente do Goberno e as do titular da carteira de Exteriores.

José Manuel Albares tamén aproveitou para deixar clara a posición de España sobre a crise entre Israel e Hamas. Non dubidou o ministro en condenar as accións do grupo islamita e recoñecer o dereito de Israel a defenderse.

Non obstante, tamén dixo que se debe respectar o dereito internacional e o dereito internacional humanitario. "Hai que diferenciar entre obxectivos terroristas e a poboación civil, e a poboación civil de Gaza ten que ter garantidos as subministracións básicas: auga e electricidade".

Albares amparou a axuda humanitaria enviada por España e a UE, da que dixo que debe continuar e garantiu que "nin un só céntimo da cooperación europea termina en mans de Hamas".

Ademais defendeu a solución dos dous estados: "A paz só chegará cando un Estado de Israel e un Estado de Palestina convivan de maneira pacífica".

Este mesmo martes, a ministra de Dereitos Sociais volvía insistir en que o Goberno español debe ir máis alá e levar o primeiro ministro israelí ante o Tribunal Penal Internacional. Nunha entrevista en Catalunya Ràdio, Ione Belarra asegurou falar en nome do Goberno de España e do seu partido, Podemos, á hora denunciar o "xenocidio" que leva a cabo o "Estado ocupante" de Israel na franxa de Gaza.

Belarra conta co apoio do seu partido e de Sumar, que recibiron no Congreso a representantes da sociedade civil palestina. Javier Sánchez Serna, voceiro de Podemos, instou a embaixadora de Israel a que "se deixe de falsas dicotomías" porque "denunciar o xenocidio que se está producindo na franxa de Gaza non é, en ningún caso, apoiar o terrorismo".

Enrique Santiago, voceiro de IU no Congreso e deputado de Sumar, insistiu, na liña do comunicado de Exteriores, en que "Israel, nin ningún país, é quen para criticar declaracións de ministros nun país onde hai unha democracia".

Tamén se pronunciou sobre o asunto o líder do PP. Para Alberto Núñez Feijóo, "o peor que podemos facer é entrar en conflito diplomático" con Israel. Considera que "o comunicado da embaixada podía ser un pouco máis atinado, pero o lío que ten o goberno, e a ruptura, en política internacional do Goberno xa é un clásico".

Alberto Núñez Feijóo pídelle a Pedro Sánchez que "poña orde" no executivo porque, di, está en risco o protagonismo de España na diplomacia internacional.

Rueda di que a Embaixada de Israel puxo de manifesto "unha situación que é certa"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou este martes que a embaixada israelí dedicouse a poñer de manifesto "unha situación que é certa".

Rueda confesou non entender a resposta do Ministerio de Asuntos Exteriores, que rexeitou as "falsidades" e argumentou que "acabamos de ver publicamente como estes días unha parte do Goberno condena os atentados de Hamas, os atentados dunha organización terrorista", mentres que outra parte "deféndeos abertamente".

"Respectando todas as opinións, ata certo punto, porque eu creo que cando se producen atentados terroristas hai que condenalos sen ningunha dúbida, non se entende esta postura de case a metade de todo un Goberno de España", proseguiu, pois "unha parte di unha cousa e outra di absolutamente a contraria".

Polo tanto, a entender de Rueda, o que fixo a Embaixada de Israel é reaccionar a algo "evidente", "todos o puidemos ver". "Non entendo o enfado do Goberno en negar algo que é moi evidente", engadiu o mandatario autonómico.

Aproveitou ademais a ocasión para afear que no Parlamento de Galicia o BNG "se negara tamén a condenar actos terroristas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos