Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Aquí non se tira nada"; o Goberno retoma a lei de desperdicio alimentario

"Aquí non se tira nada"; o Goberno retoma a lei de desperdicio alimentario

A norma impulsada polo ministro Planas na pasada lexislatura, e que decaera co adianto electoral, busca reducir os máis de 65 quilos de media que cada fogar tira ao ano

G24.gal 09/01/2024 11:23 Última actualización 09/01/2024 14:33

O Consello de Ministros aprobou este martes o proxecto de Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario, unha norma que se atopaba xa no Senado ao final da pasada lexislatura, pero que decaeu polo adianto electoral e a disolución das Cortes o pasado 30 de maio.

A lei contempla multas de entre 60.000 e 500.000 euros a restaurantes, bares e supermercados que tiren comida, entre outras medidas.  

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, subliñou a importancia desta norma e explicou que se sustenta na "eficiencia económica", sen esquecer "o contido ambiental" para loitar contra "a perda de recursos naturais", así como "a xustiza social" a favor dos máis vulnerables e o seu "compoñente moral e ético". 

Deste xeito, destacou que con esta normativa España dótase dun marco legal para o conxunto do Estado para previr as perdas e o desperdicio alimentario, cun enfoque centrado na prevención e a concienciación de todos os actores da cadea alimentaria.

O ministro explicou que a lei establece unha xerarquía de prioridades para o destino dos alimentos que inevitablemente se convertan en desperdicio alimentario, sendo a prioridade máxima o consumo humano, a través da doazón ou redistribución dos alimentos

Favorecer a doazón

No caso da doazón dos excedentes de alimentos, explicou que os axentes da cadea deberán subscribir convenios de colaboración con empresas, entidades de iniciativa social e outras organizacións sen ánimo de lucro ou bancos de alimentos.

Nestes acordos deberanse recoller de forma expresa as condicións de recollida, transporte e almacenamento dos produtos, entre outras cuestións. Quedarán exceptuados da obrigación de realizar estes convenios de doazón as actividades de distribución alimentaria desenvolvidas en establecementos cunha superficie útil de exposición e venda ao público inferior ou igual a 1.300 m2.

Segunda oportunidade para os alimentos

Na segunda orde de prioridades contémplase "unha segunda volta", ao facer alusión á transformación dos alimentos que non se venderon pero que manteñan condicións óptimas de consumo, que se transformarán noutros produtos, como zumes ou marmeladas. Cando os alimentos xa non sexan aptos para o consumo humano, a preferencia de uso será, por esta orde, a alimentación animal e fabricación de pensos; o uso como subprodutos noutra industria e, xa como residuos, a obtención de compost ou biocombustibles.

En canto ás empresas de hostalería, terán "unha nova obrigación", como avanzou Planas, relativa á obriga de facilitar ao consumidor que poida levar os alimentos que non consumise sen custo adicional algún en envases reutilizables ou facilmente reciclables. En caso de non cumprir esta medida, enfróntanse a unha sanción de 2.000 euros. Con todo, deberán cobrar polos envases de plásticos dun só uso como establece a Lei de residuos 7/2022.

Así mesmo, o proxecto de lei establece unha serie de medidas de boas prácticas, tanto para a administración como os distintos elos da cadea, para evitar o desperdicio. Por exemplo, contempla que os establecementos comerciais dispoñan de liñas de venda de produtos considerados "feos, imperfectos ou pouco estéticos", ou promover o consumo de produtos de tempada, de proximidade ou ecolóxicos.

Ademais, a norma anima a incentivar a venda de produtos coa data de consumo preferente ou de caducidade próxima, de acordo con a xerarquía de prioridades de uso. Neste sentido, prevé que o Goberno adopte políticas e medidas para fomentar a adecuación das datas de consumo preferente á prevención do desperdicio, para o que levarán a cabo accións formativas e divulgativas sobre a correcta interpretación das datas de caducidade e consumo preferente, un asunto sobre o que Planas recoñeceu que haberá "que profundar".

A nova lei tamén establece a obrigatoriedade para todos os axentes da cadea alimentaria de contar cun plan de prevención de perdas e desperdicio, para que as empresas realicen un autodiagnóstico dos seus procesos produtivos.

En canto ao Goberno, a norma contempla que deberá elaborar un plan estratéxico para a prevención e redución de perdas e desperdicio alimentario, que se revisará cada catro anos e definirá a estratexia xeral contra o desperdicio, así como as orientacións e estrutura que deberán seguir as CC. AA. Pola súa banda, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en consulta con outros ministerios relacionados coa materia, deberá elaborar un Plan Nacional de control das perdas e desperdicio alimentario.

65,5 quilos de desperdicios ao ano por fogar

Segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), aproximadamente desperdícianse no mundo uns 1.300 millóns de toneladas anuais, un 30 % dos alimentos que se producen.

En España, durante 2022, os fogares españois rexistraron un desperdicio de 1.170,45 millóns de quilos ou litros, un 6,1 % menos en comparación co ano anterior e un descenso do 13,5 % respecto a 2019, en prepandemia.

Deste xeito, en 2022, cada fogar español desperdiciou, de media, preto de 65,5 quilos ou litros de alimentos e bebidas. Os produtos sen elaborar foron os máis desperdiciados, aínda que en 2022 a porcentaxe caeu un 9 % respecto a 2021. En canto aos pratos cociñados, o seu desperdicio aumentou un 6,7 % respecto a 2021. Fóra do fogar, o consumo alimentario aumentou un 6,1 % en 2022, pero produciuse unha redución do desperdicio do 11,3 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade