Confirman trece anos de prisión para o home que acoitelou a parella en Vimianzo
Confirman trece anos de prisión para o home que acoitelou a parella en Vimianzo
Intentou asasinala acoitelándoa no seu lugar de traballo, na oficina do sindicato Unións Agrarias
O Tribunal Supremo confirmou a condena de trece anos de prisión a Javier Miñones, actor e excandidato a alcalde en Vimianzo, por intentar asasinar a súa exparella acoitelándoa no seu lugar de traballo.
A Sala do Penal ditou unha sentenza que desestima o recurso de Miñones contra a resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ademais da pena de prisión, o Supremo confirma o pagamento dunha indemnización á muller de 30.500 euros e a prohibición de achegarse á vítima e de residir na localidade durante 15 anos.
Javier Miñones, que foi candidato a alcalde por Compromiso Por Galicia en 2015, e a muller mantiveron unha relación sentimental durante dous anos, ata febreiro de 2019. Desde aquela, o condenado insistía en continuar a relación, pero ela negábase.
Os feitos ocorreron o 15 de maio de 2019, cando o condenado, "con intención de atentar contra a vida" da súa exparella, entrou na oficina de Unións Agrarias cun coitelo oculto na roupa. A esa hora ela era a única empregada presente. E a sentenza ratifica que o home aproveitou precisamente esa circunstancia sabendo "que lle sería máis difícil pedir axuda de terceiros".
Portaba tamén unha maleta, que debía devolver o día anterior e que empregou para que ela non desconfiase da súa presenza na oficina. Xa unha vez dentro, empuxouna coa maleta e lanzouna ao chan.
Entón, comezou a acoitelala no pescozo ata que unha muller entrou na oficina. Entón a vítima aproveitou para zafarse do agresor e fuxir.
A muller que presenciara a escena saíu e pediu auxilio. Miñones abandonou o lugar. Horas despois atopárono ensanguentado nunha praia de Muxía.