Consegue milleiros de seguidores compartindo en redes a rehabilitación dunha casa en Irixo
Consegue milleiros de seguidores compartindo en redes a rehabilitación dunha casa en Irixo
Comezou a compartir a súa experiencia e o seu día a día nas redes sociais e en apenas dúas semanas conseguiu 35.000 seguidores en Instagram
Lucía Vázquez, aos seus 27 anos, decidiu cambiar a súa vida en Madrid pola dunha aldea do Irixo na que mercou unha casa que de a pouco vai rehabilitando. Comezou a compartir a súa experiencia e o seu día a día nas redes sociais e en apenas dúas semanas conseguiu 35.000 seguidores en Instagram.
"Pois eu vin dende Madrid e aquí o que fago é cumprir o meu sono de rehabilitar unha casa, de vivir no rural e de darlle unha oportunidade a aldeas que estaban quedando baleiras".
Canda Lucía en Froufe son nove veciños, dende hai un ano que foi cando decidiu mercar esta casa e trasladarse dende Madrid para vivir aquí de xeito permanente.
"Traballaba en discotecas pola noite e dixen: xa non podo máis. A primeira vez que estiven nesta aldea foi a segunda vez que estiven en Galicia na miña vida. Vin a casa en Internet e decidín vir vela porque me gustou e unha intuición díxome: 'Queda aquí'".
A casa ten máis dun século de historia e moito traballo por facer. dí que ánimo non lle falta, nin ganas de aprender aínda que sexa sobre a marcha. E os cambios de a pouco vanse notando.
"Había un burato no tellado bastante grande cando entrei, o sistema eléctrico tiña que cambialo enteiro, as tubaxes tamén. Cambiou, pero vai cambiar moito máis".
E coa idea de que outros se animen a seguir os seus pasos hai dúas semanas decidiu empezar a compartir a súa experiencia en redes sociais. Fai vídeos en Youtube e os seus seguidores non paran de medrar en Instagram, son xa 35.000.
"A verdade é que foi nos últimos quince días, así que si, impresiona bastante, pero gustaríame poder aproveitalo para alentar a xente a seguir o seu soño tamén. Asusta, pero benvido é".
Non desbota reabrir a tenda en liña na que vendía os seus deseños como costureira, pero o que ten en mente é poder criar gando nos montes de Froufe. Di que ninguén sabe o que a agarda no futuro, pero que de momento este é e será o seu lugar.