Continúa a alerta por desbordamento en 15 ríos de Galicia, malia que o tempo mellora
Continúa a alerta por desbordamento en 15 ríos de Galicia, malia que o tempo mellora
Xa desbordaron varios ríos, entre eles o Miño, Támega, Arnoia e Tambre
Agora preocupan os desxeos nas zonas de montaña de Lugo e Ourense
O 112 calcula que acudiron a máis de 1.500 incidencias polo mal tempo
Quince ríos seguen en alerta por risco de desbordamento tras a forte chuvia caída nos últimos días en Galicia. As chuvias das últimas horas, o desxeo da neve caída tamén estes días, a auga acumulada nos encoros, que tiveron que aliviar presión, está a favorecer a suba do nivel concas fuviais, especialmente na provincia de Ourense.
Reborda o Miño ao seu paso pola cidade, pero tamén o Arnoia ou o Támega, que mesmo deixou algunhas familias incomunicadas temporalmente
Ríos en alerta por desbordamento nas catro provincias galegas
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior mantén activo o plan especial ante o risco de posibles desbordamentos dos seguintes ríos, nas catro provincias galegas: o Miño, en Lugo e na Peroxa; o Azúmara, en Reguntille, Lugo; o Louro, no Porriño; o Ladra, en Insua, Lugo; o Arnoia, en Baños de Molgas, na provincia de Ourense; o Ladra, ao seu paso polo concello lugués de Fraga; o Mera, en Ortigueira; o Tambre, en Oroso; o río Furelos e o Ulla, en Santiso; o Lérez, en Pontevedra; o Oitavén, no concello pontevedrés de Soutomaior; o Rego das Mesas, no concello coruñés de Valdoviño, e o Dubra-Tambre, en Val do Dubra.
Segundo a información recibida mediante os sistemas de control e seguimento, ao superar os límites establecidos, estes cursos presentan un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poden a chegar a darse desbordamentos puntuais.
A enchente do río Landro causou estragos nos baixos das casas na parroquia viveirense de Landrove
Por segunda vez na mesma semana, o río Landro desbordouse na parroquia viveirense de Landrove. A auga entrou nos baixos das casas e os veciños tiveron que retirar os mobles e os electrodomésticos. Aínda así, derramáronselles varios aparellos e o mobiliario sufriu danos.
Ao igual ca na anterior enchente, a Policía Local tivo que cortar a estrada en Landrove. Ademais, caeu a fachada dunha casa, aínda que non houbo que lamentar danos persoais.
Tamén en Viveiro, unha septuaxenaria botou tres días sen poder saír da casa debido ao desbordamento do regato que discorre por diante da súa vivenda, en Campo de Verdes. A muller esgotou a súa medicación e estivo a piques de quedar sen comida.
Noite preocupante na Ponte Maceira pola enchente do Tambre
O río Tambre, ao seu paso pola Ponte Maceira, ameazaba cunha forte enchente, chegou a atravesar a estrada lindeira. De noite, auga estaba chegando ao límite dos arcos da ponte. O leito do Tambre chegou a triplicarse.
A situación do Tambre mellora na Ponte Maceira
Con todo, esta mañá a auga comezaba a baixar, despois de que remitise a chuvia. Os veciños comentan que onte chegaron a estar moi preocupados con que a auga ameazase as vivendas que se atopan na outra marxe do río, a parte máis alta.
Continúa alto o risco de desbordamento do río Miño nas provincias de Lugo e Ourense
En Ourense, segue alto o risco de desbordamento do río miño na Peroxa e tamén ao seu paso pola cidade das Burgas, onde xa saíu do seu leito.
Na provincia de Pontevedra o Miño ten un alto risco de enchente en Salvaterra de Miño.
En Lugo, o desbordamento do Miño xa provocou varias incidencias e estragos. A auga chegou a acadar 15 centímetros e altura na planta baixa do CEIP da Ponte. Este colexio, aínda sen clases, está moi afectado pola auga; no pavillón deportivo a auga chegou a alcanzar un metro, segundo informou o director do colexio.
Enchente do Támega en Monterrei e Verín e do Arnoia en Baños de Molgas e a Arnoia
Na provincia de Ourense tamén se desbordou o río Támega. A enchente cubriu a estrada que une a aldea de Pousa, en Monterrei, coa de Vilela, en Verín.
A enchente provocou danos materiais, en moitos casos aos mesmo propietarios que xa viran estragadas as cosas coa outra enchente desta mesma semana. Nas últimas horas foron varias as vivendas que quedaron incomunicadas
Tamén na provincia de Ourense, o río Arnoia ao seu paso por Baños e Molgas e xa cobre o paseo que hai ao longo da beira do río, anegou o parque e as piscinas. Nas imaxes a vista de dron pódese apreciar a amplitude do desbordamento
O mesmo río tamén rebordou augas abaixo, na localidade que lle dá nome, A Arnoia, asolagando áreas recreativas e paseos.
Con forza desencoraba auga o encoro de Velle. Chegou a desaugar máis de 2 mil metros cúbicos por segundo facendo desaparecer baixo as súas augas as piscinas de Oira e os paseos fluviais e zonas termais.
O Miño ao seu paso pola Peroxa está en situación de alerta tras chegar case aos 8 metros de alto. Preocupa tamén a situación do Sil ao seu paso polo Barco e o Miño e o Avia en Ribadavia.
Anegamentos en Coirós polo caudal do río Mandeo
En Coirós están afeitos a que o Mandeo que é un importante couto salmoeiro, teña repentinos cambios no nivel do caudal, cando a central hidroeléctrica, situada 3 quilómetros río arriba, abre ou pecha comportas, pero estampas como as deste venres levaban moitos anos sen verse, explica Javier Carneiro, operario do concello de Coirós
Ademais do desbordamento do río tamén se produciron desprendementos de terra, polo que os operarios do Concello estiveron toda a mañá limpando cunetas e camiños.
Por sorte ao carón da área recreativa non vive ninguén polo que non houbo que dar conta de maiores danos. O que si que hai é un centro de interpretación da contorna fluvial que esta mañá non recibiu visitante ningún. Hoxe só se achegaron á área os curiosos que quixeron inmortalizar a estampa.
O río Mandeo ao seu paso por Coirós converteu algunhas rúas en canais durante a noite pasada.
O 112 calcula máis de 1.500 incidencias polo mal tempo
A noite pasada aínda foi complicada en Galicia. Os servizos de emerxencias atenderon máis de 1.500 incidencias por este temporal que arestora vai amainando. Esta mesma noite pasada houbo desprendementos de terra. Un deles foi na estrada que une Paxareiras con Carnota. Os efectivos de Protección Civil de Miño tiveron incluso que remolcar un coche que quedou nunha rotonda anegada. Tamén tiveron que acudir a caídas de postes ou árbores sobre estradas. En total, máis de 1.500 incidencias atendidas polo mal tempo, é o cálculo do 112.
Tamén houbo angamentos en zonas urbanas na montaña. Agora preocupan os desxeos, e as enchentes dos ríos aínda teñen veciños pendentes en varias localidades.
O tempo mellora e as chuvias remiten, segundo Meteogalicia
Meteogalicia xa non mantén activo en Galicia ningún aviso por risco de vento, choiva ou nevadas. Semella superado "o peor" do temporal, as previsións de Meteogalicia apuntan que este venres que as choivas fortes remiten. Sinala que Galicia queda hoxe nunha situación intermedia ente entre as altas e as baixas presións. As temperaturas mínimas tiveron xa hoxe un notable ascenso, mentres que as máximas se manteñen.