Continúa a vacinación de reforzo para o persoal esencial e sanitario
Tamén prosegue a administración da terceira dose ao grupo de 60 a 69 anos
A vacinación segue sendo a principal vía para intentar frear a escalada de contaxios. Esta fin de semana, continúa a inmunización nas grandes áreas sanitarias galegas.
Hoxe coinciden as doses de reforzo para o grupo de 60 a 69 anos coas do persoal sanitario e de actividades esenciais.
A partir do día 14 está previsto que comece a inmunización de menores de 11 anos. O proceso comezará coa poboación con problemas de saúde, para continuar despois de maior a menor.
Un pouco máis tarde, o 19 de decembro, as persoas menores de 60 comezan a inocularse a terceira dose. Nestes momentos, o 93,6 por cento da poboación diana de Galicia está vacinada.
Vacinación no Gaiás
Na Cidade da Cultura están citadas este sábado unhas 5.500 persoas que reciben as terceiras doses de reforzo. Son maiores de 60 anos. Tamén o persoal sanitario e de traballos esenciais.
Pero ao Gaiás, como centro de vacinación libre, poden acudir sen citación as persoas que non recibiran ningunha dose ou que aínda non completaran a pauta coa segunda.
Teñen que pasar antes polo punto de información. Alí xéraselles un código QR e xa poden pasar a recibir a vacina.
Coa dose de reforzo do persoal sanitario agardan rematar o día 12 deste mes. Despois habilitarase un período de repesca.