25 anos de loita contra o cancro: melloran a detección e os tratamentos, pero a incidencia medra
25 anos de loita contra o cancro: melloran a detección e os tratamentos, pero a incidencia medra
O día mundial contra esta enfermidade celébrase cada 4 de febreiro desde o ano 2000
O Centro de Terapias Avanzadas e o de Protonterapia, que funcionarán en Santiago nos próximos meses, permitirán mellorar a abordaxe da enfermidade
Desde hai un cuarto de século, o 4 de febreiro é o Día Mundial contra o Cancro. Unha enfermidade grave, pero para a que neste tempo se lograron moitos avances en diagnóstico e tratamento.
Grazas á investigación mellorou moito o prognóstico dos pacientes. A mala noticia é que a incidencia segue medrando. E ten que ver co envellecemento, co estilo de vida, factores ambientais e hábitos, cun que destaca sobre os outros: o tabaco.
Os cancros son tamén a doenza máis investigada. Case un 60 por cento dos proxectos de investigación médica, que van permitindo detectalo antes e tratalo mellor.
"Con exploración de novos métodos de cribado, novos métodos diagnósticos con sistemas con IA. A investigación é o que nos vai levar a controlar o cancro. De feito, os avances dos últimos anos son porque comezamos a entender a nivel celular unha enfermidade que evoluciona, que se defende dos tratamentos e que esixe estudo constante", explicou Rafael López, o xefe do Servizo de Oncoloxía-ONCOMED do CHUS e presidente de ASEICA.
Nos laboratorios do IDIS en Santiago, 1.000 persoas dedícanse ao que se denomina investigación translacional, paciente a paciente, baseada na análise dos tecidos das biopsias, do plasma. Buscan así as características moleculares do tumor e para poder atopar un mellor tratamento para ese doente. Súmanse novas técnicas cirúrxicas e tamén grandes avances farmacolóxicos como inmunoterapia ou os anticorpos conxugados que permiten maior precisión e menos toxicidade.
"É un anticorpo monoclonal ao que se unen unas moléculas de quimioterapia que nos permiten ser máis precisos e máis eficaces e menos tóxicos", detallou Rafael López.
"O avance é logarítmico, cada ano que pasa vaise máis rápido. A oncoloxía do futuro vai ser totalmente personalizada. Cada paciente ten un tumor que é único e está nun entorno único. E ten unhas sinaturas, unhas marcas que nos van indicar por onde dirixir os tratamentos", declarou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
A inmunoterapia personalizada, as Car-T aplícanse hoxe a 107 pacientes, e axiña se van fabricar no Centro de Terapias Avanzadas, para tratar cánceres de sangue e tumores sólidos coma os pancreáticos, que melloran a resposta ata o 80 %.
Para 2026 está previsto tamén o Centro de Protonterapia que converterá Santiago en fabricante para a zona noroeste, con máis posibilidades para a abordaxe, por exemplo, dos cancros infantís.