Galicia lidera a revolución dos cribados de mama
Galicia lidera a revolución dos cribados de mama
O proxecto mamoRISK proba en 14 comunidades autónomas un modelo matemático que busca establecer nos cribados de mama unha estratificación segundo os niveis de risco
Avalían factores hormonais, métricos, hábitos e xenes
Galicia lidera agora unha investigación que fará evolucionar os cribados de cancro de mama. Do que se trata é de aplicar estratexias de detección personalizadas segundo o nivel de risco de cada muller. A investigación está capitaneada por científicas do IDIS e apoiada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que asumen a dirección do estudo para 14 comunidades autónomas.
Ata agora o criterio de selección das mulleres para participar no cribado de cancro de mama é a idade. Pero esta investigación que se presenta hoxe quere poñer sobre a mesa outros factores de risco xa coñecidos e comprobados, coma o peso.
"A maior altura, maior risco. A menor idade a menopausia, menos risco. Hai outros factores como uso de anticonceptivos orais, terapia hormonal, número de fillos, alcol, alimentación e moitos outos datos acumulados xa na historia clínica dixital das pacientes", explica Manuela Gago, investigadora do IDIS.
"Nós temos unha historia clínica electrónica de hai 20 anos. Iso non o ten ninguén, porque a maioría dos datos xa están aí. E iso é unha vantaxe competitiva que nos facilita no futuro poder liderar todo este tipo de estratexias de personalización", subliñou Antonio Gómez Caamaño, conselleiro de Sanidade.
Sumarase un estudo xenético e tamén a lectura da imaxe das mamografías apoiada con intelixencia artificial. Moitos datos que se introducen nun modelo matemático complexo que avaliará de forma personalizada, en cada muller, o risco de padecer un cancro de mama.
"A saúde pública en Galicia iniciou unha senda que xa non ten volta atrás, que é a da investigación translacional. E ademais cremos que os cribados teñen que evolucionar, buscar resultados en saúde e, desde logo, estratificar o risco", subliñou Carmen Durán Parrondo, a directora xeral de Saúde Pública.
Porque, entenden, non teñen que facer os mesmos controis unha muller que ten un 5 % de risco de desenvolver cancro que a que ten un 95 %.
O estudo, liderado polo IDIS e apoiado por prestixiosas institucións investigadoras internacionais, farase con 10.000 mulleres de 14 comunidades autónomas. 4.000 serán galegas.