Publicador de contidos
Publicador de contidos

Varias avarías causan atrasos de ata noventa minutos no tren entre Galicia e Madrid

Varias avarías causan atrasos de ata noventa minutos no tren entre Galicia e Madrid

Distintas incidencias en Olmedo, Pontedeume e Taboadela fixeron que os pasaxeiros de catro trens de longa distancia sufrisen os atrasos

 

G24.gal 04/02/2025 13:44

Os pasaxeiros do Alvia Madrid-Vigo das seis e cuarto da mañá foron os máis prexudicados. Chegaron á estación de Ourense ás once, hora e media despois do previsto.

"Eran dúas horas e media de viaxe e foron catro". "É difícil, canso e frenético", comentan dúas afectadas.

Sufriron as consecuencias de dúas avarías. Primeiro en Olmedo, nas instalacións de desvíos, que os tivo unha hora parados, e despois en Taboadela, neste caso por unha incidencia técnica no tren que viña de Ferrol e que, á súa vez, levaba media hora de atraso por unha avaría de sinalización en Pontedeume.

"O que viña de Olmedo viña con incidencias. E despois, pasada A Gudiña, por unha incidencia nun tren que ía para alá". "No intercambiador de Taboadela. Houbo unha avaría e estivemos media hora parados nun túnel", sinalan outros dous pasaxeiros.

Unha mañá caótica tamén para os pasaxeiros que agardaban na estación.

"Setenta minutos, case. Pero ben, son cousas do directo!". "Xa levo media hora aquí esperando e, a verdade, non contaba con isto. Estou desexando chegar a Vigo". "A experiencia é que sempre vai tarde. É moi difícil que vaia en hora. Os que viaxamos na Renfe estamos bastante cansos", comentan varias persoas na estación.

En total foron catro os convois afectados ata que se foi restablecendo a normalidade, pasadas as once da mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos