A xuíza decreta o ingreso en prisión do acusado de acoitelar dous irmáns en Pontevedra
A maxistrada impútalle un delito de homicidio en grao de tentativa
Investigan se un coitelo atopado nas inmediacións do lugar do suceso foi o empregado nesta agresión
A maxistrada que investiga o acoitelamento de dous irmáns en Pontevedra decretou o ingreso en prisión provisional e sen fianza do suposto autor dos feitos. Este martes prestaba declaración, e se lle imputa un delito de homicidio en grao de tentativa, segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O detido, un mozo de 18 anos veciño de Marín, permanecía en dependencias da comisaría da Policía Nacional de Pontevedra desde que foi arrestado o domingo.
Contra as 11 e media da mañá trasladárono para prestar declaración ante o titular do xulgado de instrución numero 1 de Pontevedra.
Os feitos polos que está investigado sucederon ao redor das 3 da mañá do domingo nunha zona de lecer nocturno de Pontevedra, en Valentín García Escudero.
Supostamente, dous mozos iniciaron unha disputa. O irmán dun deles mediou na súa defensa e o presunto agresor acoitelounos aos dous.
Os dous irmáns tiveron que ser trasladados ao hospital, e un deles tivo que quedar ingresado. Unha patrulla da Policía Local detivo o presunto agresor nas inmediacións do lugar dos feitos ao pouco de producirse a lea.
Desde a asociación de veciños aseguran que se trata dun feito illado e que na zona de lecer, a pesar dos problemas de ruído, non adoitan producirse este tipo de sucesos violentos.
Nas últimas horas foi localizado un coitelo nas proximidades da casa do concello de Pontevedra. A Policía Científica analízao para determinar se se trata ou non do utilizado polo agresor.