Contraste térmico entre o norte o sur de Galicia en Semana Santa
Contraste térmico entre o norte o sur de Galicia en Semana Santa
O nordés limpa o ceo de nubes no sur de Galicia e na Mariña predominará o vento do leste
As temperaturas en Ourense e nas Rías Baixas superarán os vinte graos e na Mariña e na Coruña quedarán nos quince graos
O nordés vai marcar o tempo esta Semana Santa, que se presenta tranquila e solleira. Pero falar do vento do nordés non é o mesmo na Mariña ou na Coruña que no sur de Galicia. No norte asóciano co bo tempo, pero cunha sensación térmica pouco agradable, mentres que nas Rías Baixas e Ourense é sinónimo de sol e temperaturas altas. Iso si, o nordés na costa trae auga moi fría para os bañistas. Algúns turistas viñan buscando o frío e non o atoparon en Vigo. Nunca chove a gusto de todos, e menos no sur de Galicia, onde esta Semana Santa poderían superar os vinte graos.
Parte da culpa da boa previsión do tempo é da entrada de vento do nordés, que no sur de Galicia deixa traballar o sol, mantendo o ceo limpo de nubes. Outra cousa é nas comarcas do extremo norte, onde non se espera chuvia, pero si haberá sensación térmica de máis frío, con temperaturas duns 15 graos.
Canto ao baño, queda para os valentes. O nordés que leva as nubes deixa tamén augas xélidas.
Esta Semana Santa o nordés que entra na costa atlántica terá mais compoñente leste na Mariña. No sur, as temperaturas superarán os vinte e dous graos que se rexistran hoxe nas Rías Baixas e Ourense.